lunes. 05.12.2022

O BNG urxe á Xunta a arranxar de inmediato os accesos a San Vicente de Leira

María Albert denuncia a situación de incomunicación do núcleo poboacional, agravada polos desprendementos por mor dos traballos de explotación dunha mina de lousa que deixan á xente do lugar cun único acceso a través dunha pista

somoscomarca_mariaalbert_2022-11-25
O BNG urxe á Xunta a arranxar de inmediato os accesos a San Vicente de Leira

O BNG urxe á Consellería de Infraestruturas a resolver a situación de incomunicación dos e das habitantes de San Vicente de Leira, núcleo poboacional pertencente a Vilamartín de Valdeorras. O aillamento viuse incrementado, tras 30 anos de desgaste dos accesos, coa caída da estrada OU-807 neste 2022.

A deputada por Ourense, María González Albert instou á Xunta a actuar con carácter de urxencia para que colabore co concello de Vilamartín de Valdeorras para mellorar a seguridade viaria da estrada e o arranxo da ponte sobre o regato Pereanes, garantindo así o acceso á xente da parroquia ás súas casas e servizos públicos. Albert denunciou que este grave problema "foi traído ao longo dos anos a este Parlamento, cada vez en condicións de maior gravidade e todas e cada unha desas veces sen solucións por parte do Goberno do PP".

O último dos agravios á xente de San Vicente de Leira ocorreu este 2022, cun desprendemento que afectou á balsa "ilegal" de residuos da canteira sobre o regato Pereanes, que rebordou e tamén provocou danos na estrada alternativa que as veciñas e veciños empregan para desprazarse.

O único feito polo Goberno do PP, detallou a deputada por Ourense, "foron os traballos de urxencia, desde entón ata hoxe é a nada máis absoluta", criticou. A Xunta, argumentou, "ten responsabilidade directa nisto", xa que foi a que autorizou á mina a continuar coa súa actividade tras unha primeira suspensión cautelar por parte da Xustiza, sen que esta empresa aplicase ningunha das medidas de mellora e estabilización que se lle reclamaron despois do peche inicial.

A parlamentaria nacionalista fixo unha compilación dos últimos 30 anos de descomposición dos accesos á parroquia, que comezou coa instalación dunha mina de lousa, a canteira "San Vicente", en 1983. Dez anos máis tarde esta canteira realizou traballos "moito máis intensivos", describiu, e comezaron suceder "desprendementos, peches de actividade, informes negativos... todo ante a mirada atónita da veciñanza e a inacción do PP", recriminou. Hoxe, o único acceso "é o pontón que atravesa o regato, e coa chegada do outono e as riadas a veciñanza da parroquia está alertada ante a máis que probábel posibilidade de ficar totalmente illada", denunciou.

Mentres tanto, «esta política de afogamento poboacional do PP mediante o desleixo administrativo ten consecuencias: un pobo que esmorece, 72 habitantes censados en 2021 cando no ano 2000 eran 179, mais só 10 resisten na parroquia durante todo o ano», explicou a deputada do Bloque. Situación que non fixo que o PP cambiara o seu voto negativo a esta proposta do BNG para garantir a comunicación de San Vicente de Leira.

O BNG urxe á Xunta a arranxar de inmediato os accesos a San Vicente de Leira