
O Concello de Viana do Bolo, ABANCA e Afundación asinaron un convenio este xoves 24 de outubro para formalizar a colaboración na organización da exposición fotográfica «Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX». O acto de sinatura do convenio tivo lugar na Casa do Concello de Viana do Bolo, ás 11.30, e contaba coa presenza do alcalde Andrés Montesinos, o coordinador institucional de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso, e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.
A mostra, que se inaugurará o 4 de novembro na Casa da Cultura de Viana do Bolo, ofrecerá ata o 4 de decembro un percorrido visual pola historia da emigración española e galega a través de corenta fotografías procedentes dos arquivos da Axencia EFE. As imaxes capturan a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas, proporcionando unha síntese da realidade migratoria do século XX.
Esta exposición enmárcase dentro do proxecto «Corrente cultural», impulsado por Afundación, a Obra Social de ABANCA, co fin de promover a cultura en toda Galicia. A iniciativa busca ampliar a oferta artística máis alá das grandes cidades, levando actividades culturais ás vilas galegas e fomentando o coñecemento e o desenvolvemento colectivo a través da arte.