
Viana prepárase para unha das celebracións máis esperadas do ano cun amplo dispositivo destinado a garantir a seguridade dos asistentes. Durante o Domingo Gordo, o 2 de marzo, poderanse ver polas rúas do municipio os diferentes corpos de seguridade ao completo, tanto da Garda Civil —que contará con reforzos procedentes da Veiga ou da Rúa no caso de ser necesarios— como da Policía Local. Ademais, a Protección Civil contará con entre 12 e 15 membros.
Estes equipos de seguridade serán os encargados de cortar dous tramos da OU-533. Será travesía e á altura de ABANCA, puntos estratéxicos polos que transcorren as distintas agrupacións.
Así foi confirmado tras a reunión da Xunta de Seguridade Local do Concello de Viana do Bolo, que contou coa presenza do subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; o alcalde do municipio, Andrés Montesinos; e representantes da Garda Civil, Policía Local e Protección Civil.
Un Entroido cheo de tradición e seguridade
Marcos Martínez Fernández, responsable de Cultura, Deportes e Turismo, subliñou a importancia desta celebración para Viana do Bolo: «É unha das festas máis grandes que temos. A Festa da Androlla, que se estende dende o Xoves de Compadres ata o Mércores de Cinza, é unha experiencia intensa e única».
Ademais da súa relevancia cultural, o Entroido destaca pola súa boa organización e seguridade. O dispositivo contará coa colaboración da Garda Civil, a Policía Local e Protección Civil, seguindo o modelo dos anos anteriores, que permitiu que a festa se desenvolvese sen incidentes destacados.
A seguridade en Viana do Bolo e Vilariño de Conso, baixo control
Eladio Santos tamén fixo balance da seguridade na zona, asegurando que a situación en Viana do Bolo e Vilariño de Conso segue estable. En 2024 rexistráronse 44 delitos, incluíndo os incendios. O subdelegado destacou que a Garda Civil mantén unha vixilancia constante e exerce un forte efecto disuasorio.
Na reunión abordouse tamén o informe de Violencia de Xénero do ano en curso. En Viana hai seis casos rexistrados, todos de risco baixo ou sen risco, mentres que en Vilariño hai dous casos, un deles de risco alto. «Isto non significa que non se tomen medidas, xa que todas as mulleres contan con custodia e seguimento», afirmou Santos.
Por outra banda, actualizáronse os datos do Plan Director de Condutas Violentas e Aditivas nos centros educativos, facendo especial fincapé na ciberdelincuencia. Parte dos delitos rexistrados en 2024 foron estafas en liña. «Traballamos en dous ámbitos: por unha banda, informamos os nenos sobre os ciberdelitos e promovemos a prevención de malas condutas; por outra, realizamos charlas informativas para a xente maior sobre hábitos de prevención», explicou o subdelegado.
Concurso de decoración de postos do mercado
Como parte das novidades deste ano, o Concello de Viana do Bolo convoca un concurso de decoración de postos do mercado, que terá lugar o domingo 2 de marzo de 2025, na entrada do Pavillón Municipal. O obxectivo desta iniciativa é fomentar a creatividade e destacar a identidade cultural dunha festa con tanta tradición.
A participación será automática para todos os postos comerciais presentes no mercado, sen necesidade de inscrición previa. Para que o certame se leve a cabo, será necesario que participen un mínimo de oito postos. O xurado, composto por tres persoas imparciais designadas pola organización, avaliará os postos baseándose en criterios como o deseño, a orixinalidade, o uso de materiais reciclados e a vistosidade das composicións.
Os tres postos mellor decorados recibirán como premio unha entrada para a Festa da Androlla do ano 2026. Os gañadores serán anunciados a través da páxina web e das redes sociais do Concello, ademais de ser notificados por vía telefónica.
Toda a información do Entroido na páxina web oficial
Para aqueles que desexen coñecer máis sobre a historia, os días destacados, as personaxes e os elementos do Entroido de Viana do Bolo, así como acceder a imaxes e noticias actualizadas, o Concello pon á disposición unha completa páxina web con toda a información da festa: https://gl.entrudiovianadobolo.com.