
O Concello de Viana do Bolo pon en marcha o concurso para a elección do cartel oficial do Entrudio 2025, unha das festas máis emblemáticas da comarca. O certame está aberto a todas as persoas interesadas, que poderán presentar os seus deseños para representar a esencia desta celebración tradicional.
Cada participante poderá presentar tantas propostas como desexe, sempre que sexan orixinais e inéditas. Os traballos deberán entregarse en formato vertical, cunhas dimensións mínimas de A2 (420 x 594 mm). No caso de que se empreguen ferramentas dixitais, será necesario achegar tamén unha copia impresa a cor e os ficheiros necesarios para a súa reprodución.
O cartel deberá incluír obrigatoriamente o seguinte texto: “Entrudio 2025 - Viana do Bolo. Do 20 de febreiro ao 5 de marzo”. O deseño será de libre elección, pero deberá reflectir o espírito e a identidade do Entrudio vianés. Recoméndase deixar espazo libre na parte inferior para a posterior inclusión dos logotipos institucionais.
Para garantir a imparcialidade do proceso, os traballos presentaranse baixo un lema, que deberá aparecer no exterior dun sobre pechado xunto co título do concurso. No seu interior incluirase a obra en formato impreso e dixital. Ademais, deberá entregarse outro sobre máis pequeno cos datos do autor ou autora: nome e apelidos, fotocopia do DNI, enderezo, teléfono de contacto e, se o desexa, un nome artístico.
Prazo e lugar de entrega
O prazo para a presentación dos traballos finaliza o 3 de febreiro de 2025 ás 14:00 horas. Os carteis deberán entregarse no Rexistro de Entrada do Concello de Viana do Bolo, situado na Rúa da Constitución, número 14. No caso de envíos por correo postal ou empresas de mensaxeira, só se admitirán aqueles que cheguen dentro do prazo establecido.
Proceso de selección e premios
O xurado estará composto por un experto en artes visuais, un docente da comunidade educativa de Viana do Bolo e dous alumnos ou alumnas do IES Carlos Casares, designados polo Concello. A súa decisión será inapelable e farase pública na páxina web municipal o 7 de febreiro de 2025.
Os tres mellores carteis recibirán os seguintes premios:
- Primeiro premio: 200 euros e dúas entradas para a LIII Festa da Androlla.
- Segundo premio: 100 euros e un quilo de androllas.
- Terceiro premio: 50 euros e unha bica.
Se o xurado o considera oportuno, poderá suxerir melloras sobre algún dos traballos presentados antes de conceder un premio ou declarar o concurso deserto se ningunha das propostas se adecúa aos criterios establecidos.
Propiedade e uso dos carteis
Todos os carteis presentados pasarán a ser propiedade do Concello de Viana do Bolo, que poderá reproducilos, adaptalos e utilizalos con fins publicitarios ou de difusión. O Concello tamén se reserva o dereito de corrixir posibles erros nos textos e de incluír logotipos institucionais no cartel elixido.
Os participantes que entreguen as súas obras en formato dixital poderán recuperar os dispositivos utilizados entre o 13 e o 17 de febreiro de 2025 na Oficina Municipal de Información Xuvenil. Unha vez pasado este prazo, os dispositivos que non se reclamen pasarán a ser propiedade do Concello.