Hai tradicións que non se explican só mirando, senón escoitando, quedando, entrando no corro. Así ocorre coa comparsa do Entrudio, unha das expresións máis complexas, ricas e sorprendentes da cultura popular, que este sábado volveu cobrar vida en San Mamede, demostrando que o Entroido é moito máis ca festa: é relato colectivo, sátira e memoria compartida.
Esta semana falabamos con Jorge Minas sobre o Entroido e sobre as súas distintas manifestacións —o folión, a foliada e a comparsa—, mais a conversa deixou claro que a comparsa só se entende de verdade cando se ve en directo. Os versos afiados, a estrutura teatral e a interacción co público fan dela unha representación viva, na que nada é casual.
Un dos elementos que máis chama a atención é o papel dos esquileiros, moitas veces confundidos cos boteiros. Situados fronte a fronte, os dous persoeiros das esquilas intercambian posicións cada vez que remata unha peza musical, facendo soar as esquilas nun xogo rítmico e simbólico que marca os tempos da representación.
A comparsa está formada por un director, os músicos, o paiaso, a señorita —interpretada tradicionalmente por un home—, figurantes e distintos personaxes que protagonizan a disputa: un vello, unha vella e figuras da actualidade que se incorporan cada ano ao guión. Todo responde a unha posta en escena pensada ao detalle, cunha linguaxe propia e unha función clara.
Como explicaba unha das persoas presentes, a comparsa é «unha tradición de hai moitos anos que se recuperou grazas a moita xente que investigou e traballou para traela de volta». Para quen participa nela, «todo o que se ve é unha representación, unha crítica humorística ao que aconteceu durante o ano pasado, tanto a nivel local como autonómico ou internacional».
Así, na disputa deste ano apareceron personaxes recoñecibles da actualidade: Trump e o petróleo venezolano, o alcalde de Vigo e o seu Nadal cargado de luces, ou mesmo episodios recentes como os problemas cos trens, todo tratado con ironía, verso rimado e retranca.
O tempo obrigou a improvisar. A representación estaba prevista baixo unha carpa nun prado situado na parte alta da aldea, pero os fortes refachos de vento botárona abaixo. Lonxe de cancelar, a comparsa adaptouse e trasladouse a un espazo cuberto de grandes dimensións, mantendo intacta a esencia do acto. O contratempo converteuse nun exemplo máis da capacidade de resistencia desta tradición.
Unha recuperación consciente e colectiva
Tal e como explicou Jorge Minas, a recuperación da comparsa foi froito dun traballo de campo rigoroso:
«Fixemos un traballo de recuperación falando aldea a aldea de como era a comparsa antigamente, porque moitos dos rapaces nunca a viran». A partir dese labor, no ano 2019, coa implicación de persoas como Tucho, o grupo Tómalle Outra, e membros da Asociación de Folións Rurais, a comparsa volveu representarse.
A estrutura mantense fiel á tradición: primeiro faise unha rolda pola aldea, o director pide permiso para representar e logo escóllese unha aira, leira ou prado autorizado polo pobo. Os brindis, nos que o director interactúa co público para recadar donativos, permiten financiar os traxes e a continuidade da representación. Despois chega a disputa, construída en versos rimados, e finalmente o baile e a comida comunitaria entre os participantes.
Entroido que fala do mundo
A comparsa é, en definitiva, teatro popular ao aire libre, unha obra coral na que o pobo se mira a si mesmo e ao mundo con humor e espírito crítico. Non é pasado conxelado, senón tradición viva, que se adapta, se move e segue dicindo cousas.
O vivido en San Mamede confirma que o Entroido, cando se entende desde dentro, non só se celebra: deféndese, transmítese e constrúese entre todas e todos. E mentres haxa quen escriba versos, faga soar esquilas e se xunte arredor dun corro, a comparsa seguirá tendo sentido.
Aquí tes algún momento da comparsa:

