Nun ambiente cargado de emoción, o director da Real Banda da Deputación, Xosé Lois Foxo, fixo entrega dunha placa conmemorativa a Ana, filla de Jacinta, visiblemente emocionada. «Isto é, sen dúbida, o máis importante deste festival», declarou Foxo. «Honramos a señora Jacinta, que hai un ano estaba aquí con nós, pasando frío, e que de seguro hoxe tamén nos escoita desde algún lugar». Antes de facer entrega da lembranza, engadiu cun sorriso contido: «Agora vou entregar esta placa a Ana como recordo do cariño que lle temos».

O acto presentado por Montse contou coa presenza das cantareiras Digna de Vilanova de Trives, Blandina de Cotarós, Fiuca de Trives e Rogelio da Aceveda. Cada unha delas, a través da súa voz e das súas palabras, rendeulle tributo á súa compañeira ausente, mantendo vivo o legado da música tradicional e da amizade que as unía.

A cerimonia inaugural comezou como manda a tradición: co estrondo dos Boteiros e o Fulión de Viana, símbolo identitario da vila. A raíña Urraca fixo a súa entrada triunfal a cabalo tras o toque das trompetas. A súa montura, unha égua chamada Calzada, inquietouse polo balbordo, mais Lucía Pérez —a actriz que deu vida á raíña— mantivo a elegancia e a calma, sendo ovacionada polo público. A situación foi controlada con tenrura polos donos do animal, nun silencio colectivo cheo de respecto.

No seu discurso, o alcalde de Viana do Bolo, Andrés Montesinos, expuxo á raíña os males e desexos do territorio, dando paso a unha serie de actuacións musicais que mesturaron tradición e talento. David Bellas emocionou cun solo de gaita medieval; Lara Sotelo puxo a pel de galiña co seu virtuosismo; as Cantareiras da Limia trouxeron ecos doutros tempos; e Nadia Vázquez, á musette, levounos por camiños de lenda.

O momento culminante chegou coa actuación conxunta de Lucía Pérez e Xabier Vizcaíno, acompañados pola Real Banda, interpretando fragmentos da égloga operística Pastora da Serra Sola e o Romance de Dona Urraca, pezas que mesturan épica, lirismo e identidade.

A Coral Candea de Viana puxo o punto final á noite cunha interpretación conxunta conxunta da Real Banda de “Aló vén o gaiteiro” e o Himno Galego. Foi un peche perfecto para unha noite onde a memoria, a música e o orgullo de ser parte dunha terra, camiñaron da man baixo o rumor constante da chuvia.
