
Punxeiro volveu celebrar a súa Festa da Vendima, que este ano alcanzou a súa décimo sétima edición. Un evento que vai moito máis alá da exaltación da nova colleita: é tamén unha festa da veciñanza, do orgullo de pobo e da hospitalidade que caracteriza a esta aldea.

Durante a xa tradicional ruta das adegas, cada veciño e veciña esmerouse en preparar petiscos únicos e moi variados para agasallar a todos os visitantes nesta data tan especial. Porque en Punxeiro, ademais de abrir as portas das súas adegas, ábrese tamén o corazón, e como boa festa galega, ninguén marcha con fame.

Cando se entra en Punxeiro é inevitable facer unha fotografía tendo como «photocall» un fondo moi particular as letras en pedra co nome da aldea. Bueno o murete no que se asentan tamén convidan a facer a parada para coller folgo.

E mestras se agarda a que vaia chegando a xente as charangas, tres este ano, amenizan a espera co seu bo rollo e música que fai mover o esquelete aínda que non se teña ganas.

O inicio da xornada veu marcado polo pregón, no que se puxo en valor unha vez máis a xenerosidade e o espírito acolledor do pobo. Dende o pico das escaleiras da igrexa e co berro de “¡Viva Punxeiro!”, comezaba ao son da charanga a animada ruta das adegas.

Esta festa é singular porque a charanga marca o percorrido: cando chega a cada adega, esta ábrese a todos os comensais, e cando marcha, péchase, continuando así o camiño ata visitar as catorce adegas participantes.

Este ano, as agrupacións Caliqueños, Nova de Trives e TDB foron as encargadas de guiar o percorrido musical. Nas últimas paradas, os petiscos déronlle paso aos doces, poñendo o toque final gastronómico á ruta.

En torno á medianoite, as adegas pecharon e a festa trasladouse ao campo habilitado á entrada da aldea, xa que as grandes estruturas das orquestras actuais non caben no centro do pobo. Alí, Panamá Band e Grupo Assia prolongaron a noite entre viño, petiscos e música.

Unha edición máis, Punxeiro demostrou que a súa festa da vendima é moito máis ca unha tradición: é unha celebración da vida comunitaria, do bo facer e do mellor viño.

¡Viva o viño, e se é de Punxeiro, aínda máis!