jueves. 18.04.2024
P_somoscomarca_240312_manzaneda_granja
Luís un dos donos da granxa de Manzaneda que deberá sacrificar a todas as súas reses

Unha granxa de Palleirós (Manzaneda) deberá facer fronte a un baleirado sanitario. Isto implica o sacrificio de todas as reses ao detectarse tuberculose bovina en «tres delas», explica Secundino Domínguez, copropietario da explotación xunto co seu irmán Luís. 

Segundo o Sindicato Labrego Galego (SLG) os afectados terán que asumir perdas superiores a 32.000 euros. «Estámolo levando bastante mal. É unha perda económica grande e, tamén emocional», asegura.

Nestes momentos os donos da granxa teñen que «matar animais que, supostamente, están sans. Os que estaban enfermos xa se sacrificaron», explica Secundino. Ambos os irmáns piden «facerlle outra proba, pero dinnos que non, que o ter tres positivos temos que sacrificar toda a explotación». Isto significa sacrificar 46 cabezas de gando que deron negativo.

Este proceso tamén se deberá facer baixo unhas condicións. Os animais lévanse a sacrificar ao matadoiro, agás os becerros de menos de tres meses que se teñen  que matar na propia explotación «e, despois, que nós chamemos ao camión para recollelos», lamenta Secundino.

Esta situación vén dada polo «protocolo que hai ao dar positivo nunha explotación un dos animais. Segundo se explican desde Medio Rural a incidencia de tuberculose en Galicia é do 0,1 % e queren chegar o 0 %. E claro que van chegar, xa que sacrifican aos animais todos, entón, o non haber animais non hai enfermidades».

_somoscomarca_240312_manzaneda_granja_vacas

Con todas as axudas e o que lles pagará o matadoiro por res sacrificada —só polas 30 vacas—, cada cabeza estará en torno aos 1200 euros e reemprazala cústalle sobre os 2000 euros. «Entre o que vou cobrar pór subvención e o que me dea o matadoiro, terei que por uns 800 para comprar outro animal con xeito. E a esperar sobre uns dous anos a que estean en produción e que funcionen», laméntase. 

Recibida a notificación de "vaciado" «temos quince días para facelo e despois podemos recorrer durante un mes o que queiramos. Se gañamos indemnizarannos a Xunta co que diga o xuíz e se perdemos, calar a boca».

Despois de levar a cabo todo o que se lles pide, deben estar «seis meses sen incorporar ningún animal. Aos tres meses podería comezar a incorporar gando, pero se o fago perdemos 5000 euros do lucro cesante», explica. Xa que deixan de ingresar os 5000 euros do segundo trimestre. 

Nunha conversa posterior a entrevista que podes escoitar a continuación, Domínguez asegurou que a «Xunta presume de axudar ao rural, pero en vez de axudar o que fan é afundilo».

Valoración da Consellería do Medio Rural sobre o foco de tuberculose en Manzaneda

O sacrificio obrigatorio dos animais da explotación afectada determínase trala confirmación laboratorial da existencia de tuberculose bovina nela, e pretende atallar o foco da enfermidade e protexer ás restantes explotacións libres. Cómpre sinalar que a parroquia da explotación afectada ten numerosos antecedentes de positividade pola tuberculose confirmada fai anos en gando bovino, ovino e cabrún, polo que xa era considerada como unha zona de alto risco desta enfermidade

Nesta situación é preciso sacrificalos, segundo establece a normativa, pola que rexen as actuacións dos Servizos Veterinarios Oficiais, que sempre están dirixidas á protección do sector gandeiro, a sanidade animal e a saúde pública.

Esta medida de control sanitario está contemplada nos programas nacionais de erradicación, e da dereito a indemnización ao titular dos animais, cofinanciada e conforme ao baremo que establece o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) na normativa estatal de referencia.

A maiores, en Galicia, e financiadas con fondos propios da Comunidade, existen dúas liñas de axudas complementarias para a persoa titular da explotación, unha para compensar o lucro cesante durante o tempo no que está estea inactiva, e outra para a reposición de animais sacrificados obrigatoriamente —a última, convocada en xaneiro, conta cun orzamento de 975.000 euros—.

Por outra banda, os gandeiros tamén perciben o valor da carne dos animais sacrificados no matadoiro, así como os importes dos seguros agrarios subscritos —que tamén están subvencionados MAPA—, se inclúen a liña das perdas ocasionadas pola Campaña de Saneamento. No caso galego, a última orde respectiva publicouse en xaneiro, cun orzamento de 8,5 millóns de euros.

Como actuación complementaria de colaboración co sector gandeiro nestes casos, os labores de limpeza e desinfección das instalacións que albergan os animais son asumidas directamente pola propia administración, que corre con todos os custes para executalas.

Cabe destacar que Galicia destinou nos últimos cinco anos máis de 60 millóns de euros nas actuacións correspondentes aos programas de sanidade e produción animal, onde está incluído o plan de erradicación da tuberculose bovina.

Valoración Sindicato Labrego Galego

A posibilidade dun baleirado sanitario é unha das cuestións que maior preocupación xera na meirande parte de persoas gandeiras. A calquera granxa lle pode pasar e en calquera momento, inda que se cumpran tódalas medidas hixiénico-sanitarias. No caso por exemplo da tuberculose, a doenza está aí, encapsulada, de forma latente, e unhas condicións ambientais favorables poden desencadear o seu desenrolo.

En outras Comunidades Autónomas, «só matan as vacas enfermas e seguen facendo analíticas a explotación. Isto é o que pedimos para Galicia», explica Xosé Anxo Pérez, responsable do Sindicato Labrego. A situación que están vivindo deste esta explotación é «totalmente dramática, cos seus donos medicándose e de baixa por depresión». 

Tamén demandamos unha maior sensibilidade e empatía por parte da Administración para facerse cargo do duro que é para as gandeiras e gandeiros recibir unha notificación de baleirado sanitario, persoas que se ven soas e impotentes, coa perda de todos os animais que forman parte da familia dende hai moitos anos e que lles vai supor unha perda económica moi importante que pode comprometer as súas vidas. 

Unha granxa de Manzaneda deberá sacrificar todas as súas reses por tres positivos en...