
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, mantivo unha xuntanza co alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez, co obxectivo de explorar vías de colaboración entre ambas administracións en ámbitos clave como a cultura, a lingua galega, o patrimonio e a mocidade.
Durante a reunión, celebrada en Santiago, avaliáronse diversas iniciativas destinadas á dinamización cultural, ao impulso do galego e á preservación do patrimonio no municipio ourensán, pertencente á comarca de Trives. Tamén se analizaron posibles accións orientadas a favorecer a participación e implicación da xuventude no tecido social local.
Esta xuntanza insírese na liña de traballo do conselleiro de estreitar lazos cos concellos galegos, co fin de sumar esforzos e facilitar o desenvolvemento de proxectos que reforcen o papel da cultura, da lingua e da mocidade como eixos fundamentais do progreso social e territorial.
López Campos reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia coa cooperación institucional en todo o territorio galego, valorando a proximidade e o diálogo directo coas entidades locais como ferramenta esencial para acadar resultados eficaces e adaptados á realidade de cada comarca.