
San Xoán de Río prosegue coa súa axenda de actividades para este verán, e a próxima cita chega en clave musical. A cantante lucense Lucía Pérez volve a este municipio coa súa xira "Na miña pel" nun concerto ás 22:30 horas desta noite de mércores 14 de agosto na praza da Igualdade.
Dende Radio Valdeorras falamos coa artista para coñecer os segredos desta xira, como encara esta volta a San Xoán de Río e tamén sobre o feito de ser galega.
SOMOS COMARCA: Segunda vez en San Xoán de Río. Como encaras esta volta?
LUCÍA PÉREZ: É unha gozada volver porque nesa primeira visita recibín moito cariño da xente e agardo devolvelo todo coa miña música neste novo concerto.
SC: Cóntanos que podemos agardar desta xira "Na miña pel".
LP: Vai ser un concerto moi activo con momentos para todo, para disfrutar, emocionarnos, e tamén para cantar, bailar e pasalo ben. A música que facemos está enmarcada no verán galego e ten que transmitir alegría. Estou moi ben rodeada de músicos, con boa vibra no escenario que creo que se vai palpar no público.

SC: Que balance farías desta xira polo de agora?
LP: Este verán estamos movéndonos moito e estamos moi contentos. Cando remata o concerto a xente ten cara de felicidade e iso o notamos moito. Está funcionando e está gostando. Tamén incluimos cancións do cancioneiro galego, algo como música vitamina para a xente.
SC: Moita xente recordará a Lucía Pérez como a cantante eurovisiva pero, como é continuar coa túa carreira despois deste festival?
LP: Eurovisión foi un punto moi importante na miña carreira para curtirme como artista e para vivir experiencias que poucos poden. Pero a partir de aí a miña carreira segue e teño a sorte de seguir aí despois de 14 anos. É o que eu quero e o que a xente estame dando. Son experiencias que van sumando nesta carreira que quero facer, e que é unha carreira de fondo.
SC: É moi difícil manterse aí despois de tantos anos?
LP: Todo é difícil pero eu sempre digo que temos sorte de ser galegos. É algo que sempre levo con moito orgullo e viaxo con Galicia por bandeira. Estivemos por Europa, en Venezuela tamén, e caes na conta de que si é complicado pero a vida ten distintas parcelas. Eses galegos por exemplo na emigración son tamén os que te manteñen aí co paso dos anos, e sempre hai alguén que me aplaude. Eu son unha afortunada por ser feliz con esta profesión.
SC: Volvendo a San Xoán de Río, moita sorte no concerto de hoxe.
LP: Gostaríame convidar a todos, sexan de San Xoán de Río ou non. Estarei sempre cantando para cada un de vós, coa alma e co corazón. Aseguramos un momento onde espero que a xente non mire o reloxo e se leve un bonito recordo.
A entrevista completa está disponible neste enlace de audio: