
Tras o éxito da Xornada de Convivencia Feminista do pasado ano 2023, volve a San Xoán de Río esta actividade o próximo sábado 4 de maio. A convidada para este 2024 é a cantante Lucía Pérez, recoñecida por ter participado no festival de Eurovisión con "Que me quiten lo bailao" e por gañar o certame “Canteira de Cantareiros” no ano 2002.
Ás 12:00 horas recibirase á convidada cunha coreografía de benvida «a cargo dun grupo de mulleres do municipio». Despois un grupo de nenos «do colexio de Trives farán unha actividade con ela nunha fonte para dar valor aos antigos lavadoiros e ver como era a vida antes».
O alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez, destacou o acto institucional coa cantante, que comezará ás 12:30 horas, «onde ela vai falar da súa vida en clave feminista. Por exemplo, se tivo algún problema que, de ser home, non o houbera tido». Este acto terá lugar no Salón de Plenos da Casa do Concello.
Rematado este encontro previo haberá un xantar «no que se compartirá mesa con ela, no Pavillón Polideportivo Municipal». Xantar para o que é preciso inscrición previa, ata o día 30 de abril, e que ten un custo de 15 euros. Xa despois desta comida haberá música «a cargo da disco móbil DJ Rafa, e quen sabe se Lucía animarase a cantar algunha das súas cancións».
A iniciativa desta actividade parte do Concello de San Xoán de Río, coa colaboración do Centro de Información á Muller da Pobra de Trives e o Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.