sábado. 31.05.2025

Éxito total da xornada feminista con Pili Pampín en San Xoán de Río

A finalidade principal era amosar na distancia curta a unha muller loitadora, moi popular e moi querida en Galicia, unha gran artista que como se puido comprobar non perdeu a humildade
portada_somoscomarca_pilipampin_sanxoanderio_-2023-03-14
portada_somoscomarca_pilipampin_sanxoanderio_-2023-03-14

O pasado 11 de marzo o Concello de San Xoán de Río organizou, en colaboración co CIM de Trives, unhas ‘Xornadas de Convivencia Feminista’ nas que a coñecida artista galega Pili Pampín foi unha das protagonistas.

O Concello de San Xoán de Río quixo buscar este ano unha actividade diferente para conmemorar o 8M e pensou en ela coa idea de organizar unha xornada de convivencia coa veciñanza. A artista galega estivera xa por estas terras o pasado verán, pero neste caso a súa visita foi diferente, moito máis próxima e máis íntima.

Precisamente, a finalidade principal era amosar na distancia curta a unha muller loitadora, moi popular e moi querida en Galicia, unha gran artista que como se puido comprobar non perdeu a humildade.

Seguindo o programa da ‘Xornada de Convivencia Feminista’ do sábado 11 de marzo, o recibimento a Pili Pampín fíxose na Praza da Igualdade e consistiu nunhas coreografías que representaron, por un lado a Asociación de Mulleres Anel e por outro a monitora de danza D’Ariya.

A continuación, xa no Salón de Plenos do concello e despois dunha breve introdución a cargo do alcalde, Xosé Miguel Pérez Blecua, Pili Pampín abriríase ás veciñas para falar dela e da súa vida en perspectiva feminina. Contou como foi a súa infancia, como empezou a cantar e como se fixou nela a Orquestra Compostela; tamén confesou que as comparacións con Ana Kiro son para ela sempre un motivo de orgullo, que a coñeceu ben e que foron grandes amigas; falou do seu salto á televisión e o ben que se atopa no medio e tamén de como foi a idea de colaborar co artista Ortiga, unha experiencia fantástica e moi divertida para ela.

Ao remate da charla, e tras falar da repercusión das súas novas experiencias musicais, puxéronse na pantalla interactiva do Salón de Plenos dous grandes hits actuais de Pili Pampín con Ortiga: “Eu chorar, chorei” e “O Galo”. Chegadas as 14:00 h. a xornada continuou cun xantar no baixo da Casiña Azul, comida na que Pili compartiu mesa cunhas 60 mulleres de San Xoán de Río.

Despois do xantar comezaba, sobre as 17:00 h., a música e o baile da man da disco móbil DJ Rafa, de Radio Monforte. Música escollida para rematar a xornada por todo o alto, con grandes clásicos, peticións e como detalle unha pequena intervención previa da propia Pili Pampín cantando parte dos seus grandes éxitos

Éxito total da xornada feminista con Pili Pampín en San Xoán de Río