jueves. 29.05.2025

San Xoán de Río homenaxeará a José Rodríguez, "Pepe", o 9 de agosto

Entre as citas de verán tamén se atopa a II Festa da Tenreira, a Feira Arraigo á Terra, un monólogo de Alberte Montes e un concerto de Lucía Pérez, entre outras. O alcalde, Xosé Miguel Pérez, dá os detalles
pepe_sanxoanderio
San Xoán de Río homenaxeará a José Rodríguez, "Pepe", o 9 de agosto.

A programación de verán en San Xoán de Río ten en agosto o seu mes máis potente. Arrincaba xa o pasado sábado día 3 co concerto "Os sons da emigración", enchendo por completo o auditorio da Pobra de Trives. A vindeira cita será este xoves 8 de agosto coa ludoteca móbil da Deputación de Ourense, con inchables, festa da escuma e unha festa nocturna nas piscinas. 

O venres 9 de agosto será o día forte do programa, cunha cita destacada: a homenaxe que recibirá José Rodríguez, "Pepe", no salón de plenos. «É unha persoa histórica no noso municipio. Vivir sempre no sudeste Asiático e é cónsul honorífico de Filipinas en Galicia. Xa recibiu hai anos a Medalla de Galicia, e agora queremos facer o propio no seu municipio», explica o alcalde, Xosé Miguel Pérez. 

Será ás 12:30 horas. Despois arrincará a II Festa da Tenreira no polideportivo municipal. «Dende logo o menú estará baseado na tenreira de San Xoán de Río e incluiremos tamén langostinos para conectar coa Galicia Atlántica tirando da campaña autonómica "Galicia sabe a mar" con "Río sabe a mar"». 

sanxoanderio_festadatenreira_2023 (4)
I Festa da Tenreira (2023).

Na mesma xornada de venres desenvolverase a Feira Arraigo á Terra, «con produtores que promocionarán as súas elaboracións, todo coa charanga Nova de Trives». Á noite haberá verbena e festa co grupo Superstar, «pechando o día máis potente do verán», reseña o rexedor. 

Xa na segunda fin de semana de agosto a cita é coa risa e con Alberte Montes, que presentará o seu monólogo "Patrón" no Centro Social. Na seguinte semana, Lucía Pérez volverá a San Xoán de Río na súa xira "Na miña pel" cun concerto o mércores 14

En paralelo haberá moitas actividades máis, como a Ruta de motos de Quiroga o día 25 ou a Volta Ciclista a España que pasará o xoves 29. «Intentamos facer un programa de actividades durante todo o ano e logo complementalo en agosto, cunhas actividades diversas e adaptadas a todo o mundo», destaca Xosé Miguel Pérez. 

Pode escoitar a entrevista co alcalde neste enlace de audio:

San Xoán de Río homenaxeará a José Rodríguez, "Pepe", o 9 de agosto