
O pasado venres 28 de xuño reuniuse en Quiroga a Comisión Mixta do Servizo de Atención Temperá de Quiroga, un servizo que integra aos concellos de Quiroga, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Bóveda, O Saviñao, Pantón, A Pobra do Brollón e Sober.
A Comisión Mixta —formada por representantes de cada municipio— deberá reunirse de forma periódica durante o ano, como se contempla no convenio asinado entre os concellos, para dar conta da xestión do servizo e tratar outros temas de interese de forma conxunta.
Na reunión aprobábase a acta do último encontro —9 de outubro de 2023—, o orzamento do servizo para a segunda anualidade subvencionable que remata o 31 de outubro de 2024, e a memoria relativa ao ano 2023.
Aínda que hai marxe de melloras puntuais, os alcaldes presentes amosaron a súa satisfacción por contar cunha atención temperá de calidade, de balde e próxima ás familias, que está consolidándose e funcionando moi ben.
Outro dos puntos da orde do día aprobado foi, en previsión da inminente convocatoria de subvencións para os Servizos de Atención Temperá, manter a agrupación e asinar un novo convenio para solicitar a achega económica que cubra o seguinte período subvencionable mantendo a xestión directa do servizo con persoal propio e dende o Concello de Quiroga.
Este servizo de Atención Temperá comezou a dar servizo en setembro do 2020, co nome de Servizo de Atención Temperá da comarca de Quiroga, atendendo aos nenos e nenas de 0 a 6 anos con trastornos do neurodesenvolvemento —ou en risco de padecelos— e ás súas familias.
Trátase dun servizo que se xestiona de forma directa dende Quiroga, con persoal propio e que nunha primeira fase limitouse unicamente aos Concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel. Ata entón, o equipo estaba conformado por un psicólogo, unha fisioterapeuta e un logopeda.
A principios do 2021 incorpóranse á agrupación os concellos de Sober, O Saviñao e Bóveda, polo cal quedan incluídos no novo Servizo. Posteriormente nun convenio asinado o 15 de outubro dese mesmo ano, anéxanse tamén A Pobra do Brollón e Pantón. Dado o aumento da poboación diana, engádense ao equipo unha segunda psicóloga, unha segunda logopeda, e unha terapeuta ocupacional.