martes. 28.06.2022

A finalidade de esta unidade e a de identificar, previr e actuar sobre os trastornos no desenvolvemento que poidan sufrir os cativos de 0 a 6 anos

O Concello de Quiroga continúa a traballar cos traballos no edificio multiusos da Ribeira para acoller a Unidade de Atención Temperá que ocupará a segunda planta do edificio que xa acolle o Centro de Día. As obras están sendo realizadas polo Obradoiro de Emprego SilLor VII.

Esta unidade da servizo actualmente aos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel, e a outros tres concellos que acaban de adherirse: Bóveda, O Saviñao e Sober, e serve para identificar, previr e actuar sobre os trastornos no desenvolvemento que poidan sufrir os nenos e nenas de 0 a 6 anos de idade.

Actualmente son 3 os profesionais que se encargan dos traballos nesta unidade: un psicólogo, un logopeda, e un fisioterapeuta. Todos eles especializados nos coidados nas idades infantís.

A día de hoxe máis dunha vintena de cativos os que acoden a UAT, axudándoos a un desenvolvemento evolutivo adecuado. Así con estas remodelacións serán máis os nenos que podan desfrutar deste servizo.

Ademais, nesta unidade que nestes momentos ten a súa sede no Centro Social de Quiroga poderán facer prácticas os alumnos da Universidade Internacional da Rioja (UNIR) que no pasado mes de decembro asinaban un convenio de cooperación.

A atención neste servizo é principalmente a través do servizo de pediatría, que fai o diagnóstico previo, en función do cal derivará a familia á unidade de atención temperá máis axeitada para o caso. Tamén os centros educativos ou as propias familias poden solicitar este servizo.

Quiroga continúa a traballar na Unidade de Atención Temperá