Quiroga viviu este domingo unha das xornadas máis multitudinarias do seu desfile nos últimos anos. O cambio de data do desfile, motivado polas previsións de choiva da fin de semana anterior, resultou ser todo un acerto; das oito comparsas inicialmente anotadas pasouse a vinte participantes entre grupos e disfraces individuais.
O alcalde, José Luis Rivera, amosouse satisfeito co resultado e recoñeceu que a decisión foi clave para o éxito da convocatoria. «Cambiamos de data porque o domingo anterior chovía moito. En aquel entón había anotadas oito comparsas e xa pasamos de oito a vinte», explicou.
O bo tempo, con temperaturas que rondaron os 20 graos, animou á veciñanza e tamén a participantes doutros concellos a achegarse a Quiroga. «É normal, porque ao non haber noutro lado, a xente anímase a saír. Estamos valorando a ver se de cara ao ano que vén igual facemos o mesmo», avanzou o rexedor, aínda que matizou que «nunca se sabe o tempo que pode facer».
Rivera tamén contextualizou o desfile dentro da tradición local: «Quiroga non é un concello que teña unha tradición do Entroido como pode ser Verín ou Xinzo, que anque chova teñen que facelo si ou si. Aquí é un desfile de comparsas que cando remata entregamos os premios e a xente xa marcha». Con todo, recoñeceu que este ano «pagou a pena» o cambio de data e non descartou repetilo para seguir incrementando a participación: «Este ano estamos en vinte e o ano que vén acabamos en trinta».
Ambiente festivo e impacto na hostalaría
O desfile non só encheu as rúas de cor e creatividade, senón tamén as terrazas e cafeterías da vila. «Sempre unha festa ou calquera actividade que se faga, se está bo tempo, xa anima a saír da casa. As cafeterías viven e a xente tamén», sinalou o alcalde.
A rúa Real presentaba unha imaxe chea de público, nun ambiente familiar e festivo que confirmou o tirón desta cita cando o tempo acompaña.
Ademais das comparsas locais, participaron grupos chegados do Barco, Petín, A Rúa, Rubiá e mesmo Vilamartín, que acudiu co seu Enterro de San Vicente, sumándose á festa quiroguesa.
Disfraces que marcaron a diferenza
Entre os disfraces máis destacados da xornada estivo o espectacular King Kong, que chamou a atención pola súa altura, posta en escena e pola recreación de dous “súpercazadores” tentando derrubalo, nunha representación que arrancou aplausos ao seu paso.
Nunca falla tampouco a Comparsa de Quiroga-San Clodio, que nesta ocasión apostou por unha temática moi “natural”, con fadas, duendes, xianas e guerreiros no «Campo da Festa» ademais dunha carroza moi traballada que completaba a súa proposta.
Os gañadores foron Campo da Feira, os segundos Mavilandia e o terceiro O Lago dos Cines. Para rematar con bo sabor de boca chocolate churros e rosquillas obsequio do Concello.
Un calendario cargado de actividades
O alcalde lembrou que o Entroido é só unha das múltiples citas que dinamizan o municipio ao longo do ano. «En Quiroga hai actividades durante todo o ano. Para un concello pequeno temos moitas», destacou. No horizonte máis inmediato sitúase a Mostra do Aceite, no mes de marzo, e xa a comezos de abril a Feira do Viño, dous eventos consolidados que forman parte da identidade local.

