O recoñecido chef Javier Olleros, alma do restaurante Culler de Pau, foi nomeado novo embaixador do Aceite de Quiroga, un recoñecemento que pon en valor o seu compromiso coa gastronomía galega e coa defensa do produto local. O acto celebrouse no marco da Feira do Aceite de Quiroga, onde institucións, produtores e público quixeron destacar a importancia dun produto que cada vez gaña máis prestixio.
O alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, actuou como mestre de cerimonias e deu a benvida ás autoridades e asistentes, agradecendo a súa presenza nunha cita que cada ano reúne a máis visitantes. «É un orgullo para todos os quirogueses ter esta xente aquí en Quiroga e compartir con todos vós esta feira que pon en valor un produto tan noso», sinalou.
Durante o acto, a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López Moreno, destacou o valor do aceite da comarca e o seu potencial. «Hai que presumir dos produtos da terra», afirmou, lembrando que este tipo de iniciativas axudan a manter o emprego e a vida no rural. «Traballar o aceite ou o viño significa xerar traballo e manter vivo o territorio».
Na mesma liña pronunciouse o director xeral de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, quen subliñou o papel da gastronomía como motor turístico. «Produtos de tanta calidade como o aceite de Quiroga elevan a nosa oferta turística e axudan a atraer visitantes que buscan experiencias auténticas», destacou.
«O aceite non é só un ingrediente, é cultura»
O momento central chegou coa entrega do diploma ao novo embaixador, de mans do chef Kike Piñeiro, quen destacou non só a traxectoria profesional de Olleros, senón tamén a súa calidade humana. «Moitos cociñeiros en Galicia, cando nos preguntan polos nosos referentes, dicimos Javier Olleros. É un profesional comprometido co produto, pero tamén cos valores e coa xente», afirmou.
O propio Piñeiro destacou que detrás do éxito do chef do Grove hai unha historia de esforzo e humildade: «É fillo dun cociñeiro e dunha camareira, e chegar ao nivel que ten hoxe é motivo de orgullo».
Visiblemente agradecido, Javier Olleros aceptou o recoñecemento reivindicando o valor do produto e do territorio. «O aceite de Quiroga non é só un ingrediente; é parte da cultura, do lugar e da historia destas terras», afirmou.
O chef explicou que comprender o produto e respectar a súa orixe é fundamental na súa forma de entender a cociña. «A clave do noso traballo é o coñecemento e o respecto: respecto ao ingrediente e respecto ao lugar onde vivimos».
Desde o seu restaurante Culler de Pau, situado no Grove e rodeado de mar e horta, Olleros leva anos defendendo unha cociña profundamente ligada ao territorio. «O que somos nace de entender o lugar onde vivimos, a súa tradición e a súa xente», explicou.
Defender o rural e a autenticidade
Durante a súa intervención, o chef tamén puxo o foco na importancia do rural e das pequenas producións. «O pequeno é grande agora mesmo. As aldeas teñen un valor enorme porque representan autenticidade, diversidade e carácter», sinalou.
Para Olleros, iniciativas como a recuperación do aceite de Quiroga son fundamentais para o futuro do rural e para abrir oportunidades ás novas xeracións. «Hai que dar ferramentas para que as novas xeracións poidan volver ao campo e recuperar formas de vida ligadas á terra», destacou.
O novo embaixador comprometeuse a levar o aceite de Quiroga alí onde vaia. «Para min é unha honra e vou defendelo con orgullo polo mundo adiante».
Como lembranza do acto, o alcalde de Quiroga entregoulle ao chef un agasallo moi simbólico: utensilios de cociña elaborados con madeira de oliveira, un detalle que une tradición, territorio e gastronomía.
A xornada que comezou cun percorrido das autoridades polos postos da feira, nos que ademais de aceite de oliva tamén se podían atopar produtos como mel ou diferentes utensilios elaborados con madeira de oliveira.
Os asistentes tiveron ademais a oportunidade de degustar dúas elaboracións creadas por Javier Olleros, nas que o aceite de Quiroga era o protagonista: unha emulsión elaborada con aceite de allada acompañada de ovos confitados con caldo de xamón e dúas volandeiras, e un torradiño de pan con aceite de allo rematado cun crocante de arroz con tinta de choco.
A programación completouse cunha cata guiada de aceites e cunha exposición de camelias, que contribuíron a completar unha xornada dedicada á promoción dun dos produtos máis singulares da comarca
