
O Concello de Quiroga celebrou este martes unha festa moi especial para conmemorar o 100 aniversario de María Pena López, coñecida por todos como Maruja. Natural de Parteme, na parroquia de San Lourenzo do Nocedo, ao longo da súa vida destacou polo seu carácter afable e pola entrega á familia e ao traballo.
Desde moi nova dedicouse ás labores do campo e tivo que afrontar momentos difíciles, como a viuvez temperá, o que a levou a implicarse de cheo no coidado das súas fillas e no apoio á casa dos pais. Hai dezaseis anos trasladouse a Quiroga, onde reside actualmente coa súa familia e onde foi tecendo novas amizades.

A celebración tivo lugar no Centro Social de Quiroga, espazo ao que Maruja acode cada día e no que foi organizada unha festa á que asistiron amigos e familiares. Alí recibiu unha placa conmemorativa e un ramo de flores da man do concelleiro de Servizos Sociais, Xosé Manuel Fernández; da concelleira de Igualdade, Maite Pérez; e do concelleiro de Xuventude, Luis Manuel Arias, en nome de todo o pobo de Quiroga.
A homenaxe incluíu tamén o sopro das cen velas e un brinde colectivo, como mostra do afecto e recoñecemento dunha comunidade que celebra con orgullo a súa nova centenaria.