viernes. 30.05.2025

Quiroga aposta polo desenvolvemento sostible e a mellora dos servizos co apoio de investimentos clave

O alcalde de Quiroga, José Luís Rivera, destacou os investimentos realizados en 2024, entre os que sobresae a aposta polo aforro enerxético, a mellora de infraestruturas e servizos, e o impulso a iniciativas culturais e laborais
somoscomarca_2024_12_21_quiroga_rivera_joseluis

O alcalde de Quiroga, José Luís Rivera, destacou os avances que o concello realizou no ano 2024 en distintos ámbitos, apostando pola mellora das infraestruturas, a sustentabilidade e a promoción de actividades culturais e económicas que beneficien á comunidade local.

Entre as iniciativas destacadas, Rivera subliñou os traballos no campo de fútbol, un proxecto de aforro enerxético que contou cun investimento de 51.000 euros financiado pola Xunta de Galicia. «Se queremos mellorar e aforrar enerxía, debemos facelo con este tipo de axudas e investimentos», explicou o alcalde, quen tamén mencionou outro plan bianual de 150.000 euros destinado ao aforro enerxético no propio concello. Este proxecto inclúe a instalación de sistemas de aire acondicionado e calefacción, o cambio de ventás e parte do tellado, ademais da substitución de luminarias.

Rivera fixo fincapé  no impacto do Plan Único da Deputación de Lugo, cunha achega de 350.000 euros, dos cales 200.000 euros foron destinados a obras e o resto a actividades culturais e á creación de postos de traballo temporais. «Se temos axudas e podemos crear postos de traballo, o equipo de goberno aposta por esas iniciativas. Temos 70 empregados e non me importaría ter 100», afirmou.

En canto ao desenvolvemento rural, o alcalde fixo fincapé na aldea modelo en Bustelo de Fisteus, que contou cun investimento de 150.000 euros e permitiu a creación dunha explotación de Porco Celta, xerando emprego local. Así mesmo, destacou a mellora da sinalización turística cunha subvención de 35.000 euros por parte da Xunta de Galicia, centrada nas rutas do concello, e as actuacións de asfaltado e mellora de accesos a distintos pobos.

Outro aspecto relevante foi a rebaixa do IBI, unha decisión inusual segundo Rivera, quen subliñou o compromiso do equipo de goberno por aliviar a carga fiscal dos veciños.

De cara ao futuro, o alcalde sinalou que no ano 2025 estarán pendentes das subvencións dispoñibles para continuar co desenvolvemento do Plan Único e outros proxectos prioritarios, como a mellora do sistema de abastecemento de auga en Quiroga. «Os recursos que temos son os que son, pero se os administramos ben, podemos avanzar moito», concluíu.

Quiroga aposta polo desenvolvemento sostible e a mellora dos servizos co apoio de...