viernes. 30.05.2025

Infraestruturas e turismo, obxectivos principais para o inicio de ano en Quiroga

A Mostra do Aceite de Quiroga prepara a súa 25 edición con cambios significativos. Ademais, o municipio quirogués xa busca o cartel promocional da XLIII Feira do Viño de Quiroga
somoscomarca_240421_quiroga_mostradoaceite_ (15)

Quiroga afronta o 2025 poñendo o foco en mellorar as infraestruturas básicas e impulsar o turismo como motor de desenvolvemento. O alcalde, José Luis Rivera, asegurou que un dos proxectos prioritarios é o saneamento das redes de auga. «O principal obxectivo era mellorar o saneamento da auga. Xa comezamos na rúa Río Sil, aproveitando unha avaría para renovar por completo as tubaxes e instalar arquetas novas», explicou o rexedor.

Rivera avanzou que os traballos nesta rúa estarán concluídos en breve e que actuacións similares se realizarán nas rúas Courel e Real ao longo deste primeiro trimestre. A modernización das infraestruturas busca garantir unha subministración eficiente e adaptar ás necesidades actuais da veciñanza.

O turismo como prioridade

No ámbito turístico, Quiroga segue a dar pasos firmes para promocionar o Xeoparque Montañas do Courel, do que forma parte xunto con Ribas de Sil e Folgoso do Courel. A presenza recentemente na Feira Internacional de Turismo  (FITUR) foi unha oportunidade clave para afianzar este proxecto. «A promoción require tempo, pero estamos avanzando. O Xeoparque comeza a ser un atractivo recoñecido», afirmou Rivera. Proba deste interese son os datos rexistrados nos dous museos municipais, o etnográfico e o xeolóxico, que en 2024 acadaron as 7.000 visitas, fronte ás 6.000 do ano anterior.

A Mostra do aceite cambia de localización

A Mostra do Aceite, outro dos atractivos turísticos, celebra o seu 25 aniversario os días 29 e 30 de marzo. «Queremos darlle un novo impulso. Manteremos a esencia en Bendilló, co muíño, pero tamén traeremos parte da celebración a Quiroga para ampliar a súa repercusión», explicou o alcalde. Para facilitar o desprazamento dende as 11:00 ata as 14:00 horas sairá un autobús cada hora entre a vila quiroguesa e o muíño de aceite.

A programación incluirá charlas de expertos, demostracións culinarias con aceite e un pregón protagonizado polo mesmo chef, que se centrará na maridaxe deste produto. Estas degustacións serán no Museo Etnográfico —dúas pola mañá e unha pola tarde. A maiores, este punto turístico contará cunha xornada de portas abertas e visitas guiadas. 

Ademais, celebrárase o II Congreso do Aceite de Oliva de Quiroga. Neste segundo congreso, que se realizará o sábado 29 no Auditorio Municipal, contarase con persoas de renome no mundo do aceite nacional. O congreso rematará coa degustación de pinchos elaborados con aceite do municpio., 

A Feira do Viño xa busca o seu cartel

Outra das citas destacadas será a Feira do Viño, que, xunto coas festas de verán, completa o calendario turístico anual. Non obstante, Rivera advertiu dun problema que podería frear o crecemento deste sector: a escaseza de infraestruturas hostaleiras. «Os pequenos concellos temos limitacións neste sentido. Precisamos que os emprendedores se animen a investir, porque, sen esas instalacións, podemos ter dificultades a curto prazo», sinalou.

A pesar disto, a cita será o vindeiro 19 e 20 de abril e dende o concello xa convocaron o concurso de deseño para o cartel oficial de promoción. O deseño debe ser orixinal e inédito, cunha orientación vertical. É preciso que se presente en formato físico, impreso en alta calidade, en tamaño A3 e cunha resolución adecuada para a súa reprodución. Sumado a isto deberá incluír o texto “XLIII Feira do Viño de Quiroga".

Os traballos deberán ser presentados en formato físico nun sobre pechado no que se incluirá o cartel impreso en alta calidade, un documento explicativo que describa brevemente a inspiración e os conceptos principais do deseño e o título e un sobre pechado cos datos persoais do participante (nome completo, dirección, teléfono, correo electrónico e nome da obra).

As obras deben ser rexistradas e entregadas correctamente no Rexistro do Concello de Quiroga no prazo que finalizará o 28 de Febreiro (en horario de Luns a Venres de 9:00h a 13:00h). O deseño gañador —que se someterá a decisión do xurado—, premiarase con 450 €, un diploma acreditativo e unha botella de viño de cada unha das adegas participantes na feira desta edición.

Infraestruturas e turismo, obxectivos principais para o inicio de ano en Quiroga