
O Faladoiro retoma a súa actividade despois do parón de Nadal, no Centro Social de Quiroga cunha nova sesión dedicada á saúde. Nesta ocasión, a convidada será a doutora Hermitas García Quiroga, quen centrará a súa intervención no ictus, unha lesión que preocupa pola súa elevada incidencia e polas súas graves consecuencias. O obxectivo deste encontro é proporcionar información clave sobre o ictus para axudar a previlo, detectalo a tempo e actuar con seguridade, reducindo o medo pero mantendo o necesario respecto ante esta patoloxía.
O encontro será moderado polo concelleiro de Servizos Sociais, Xosé Manuel Fernández, quen conducirá unha charla na que a doutora explicará os aspectos fundamentais sobre o ictus. Hermitas García é orixinaria de Pacios da Serra (Quiroga), licenciada en Medicina e especialista en Hematoloxía e Hemoterapia. Conta cunha ampla traxectoria como médica de familia e exerce desde hai máis de vinte anos como especialista en hematoloxía, os últimos doce no Hospital Comarcal de Monforte de Lemos.
A súa intervención será o vindeiro mércores 29 de xaneiro, ás 18:00 horas. De feito estas actividades faranse os derradeiros mércores de cada mes na Biblioteca do Centro Social, ofrecendo un espazo de encontro para a veciñanza. Tras unha breve presentación da persoa convidada, a sesión desenvólvese cunha charla introductoria moderada, seguida dunha conversa aberta na que os asistentes poden formular preguntas ou compartir as súas propias experiencias. O vindeiro mércores 29 de xaneiro, ás 18:00 horas, o Faladoiro retoma a súa actividade no Centro Social tras o parón de Nadal