miércoles. 18.06.2025

Concurso de Ilustracións de Rosalía

O BNG de Quiroga celebra o ‘Día de Rosalía’ cun certame de debuxo aberto a todas as idades
somoscomarca_quiroga_bng_concursorosalia

Co gallo da celebración do ‘Día de Rosalía’ este 23 de febreiro, o BNG de Quiroga pon en marcha un concurso de ilustracións, deseños e caricaturas para render homenaxe a unha das escritoras máis importantes da historia galega.

O certame está aberto a persoas de todas as idades e con total liberdade de estilo, permitindo a creación de obras tanto en cor como en branco e negro. O obxectivo é que cada participante poida expresar a súa visión de Rosalía de Castro a través da arte.

Para participar, as ilustracións deben enviarse antes do 23 de febreiro ao correo electrónico quiroga@bng.gal, acompañadas da seguinte información:

  • Nome e idade do autor/a
  • Autorización expresa para a publicación da obra no perfil de Facebook do BNG Quiroga, respectando as súas condicións de uso

Categorías e premios

O concurso conta con dúas categorías diferenciadas:

  • Categoría infantil: para participantes ata 14 anos
  • Categoría xeral: para maiores de 14 anos

As ilustracións recibidas serán publicadas no perfil de Facebook do BNG Quiroga entre o 24 e o 28 de febreiro. Durante ese período, o público poderá votar os seus debuxos favoritos mediante ‘gústames’. Os gañadores de cada categoría recibirán un vale de 30€ para canxear en compras nas librerías de Quiroga.

Deste xeito, o BNG de Quiroga busca fomentar a creatividade e o coñecemento da figura de Rosalía de Castro, achegando a súa obra e legado ás novas xeracións a través da arte.

Anímate a participar e comparte a túa visión de Rosalía co mundo!

 

Concurso de Ilustracións de Rosalía