
Con motivo da celebración das Letras Galegas o Concello de Quiroga ten organizados diversos actos: un certame de narración e debuxo, unha viaxe a Santiago para ver unha obra de teatro do Centro Dramático Galego e unha representación teatral no Auditorio Municipal.
No referente ao certame de narración e debuxo infantís está convocado pola Biblioteca Pública Municipal de Quiroga na súa fase local. Neste certame poden participar todos os nenos e nenas que o desexen con narracións en galego ou debuxos sobre o tema "Ler para pensar, pensar para ser libres”.
Cada autor poderá presentar cantos traballos desexe. No caso da narración, cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara, mecanografados, escritos a computador ou a man; neste último caso sempre en bolígrafo e nunca a lapis. E no caso dos debuxos deberán estar feitos sobre cartolina de tamaño aproximado de DIN A4.
Outro dos actos programados con motivo da celebración das Letras Galegas é unha viaxe a Santiago para asistir á representación da última produción do Centro Dramático Galego “Os actos e as profecías”.
Os veciños de Quiroga que desexen asistir, poderán subirse ao autobús o xoves 16 de maio. A viaxe comezará ás 15:00 horas da tarde dende a Casa da Cultura, para poder chegar á función que comezará ás 18h. A actividade ten un custo total de 3 euros, e os interesados, por contar con prazas limitadas, deben anotarse canto antes na Casa da Cultura a través do 982 43 51 25 ou do correo electrónico cultura.quiroga.quiroga@eidolocal.es.
A derradeira das actividades programadas con motivo das Letras Galegas terá lugar o propio día da celebración, o venres 17 de maio. Trátase da representación teatral a cargo da compañía Tarabela Creativa “Boa sorte, mala fama”.