viernes. 19.04.2024
somoscomarca_quiroga_foto_campo_san_martiño

As obras de reforma do Campo de Fútbol San Martiño avanzan xornada tras xornada. Neste proxecto de mellora inclúese a remodelación da herba do terreo de xogo, colocando un novo sistema de rego e replantando o céspede.

Tamén se acondicionou o campo de adestramento coa colocación dunha capa de terra vexetal e a sementa de céspede. O proxecto incluía a roza e retirada de maleza e a retirada de escombros dunha cancha demolida. Ademais traballase no peche do recinto co levantamento dun muro de bloque e a colocación dunha rede.

O campo do San Martiño non acolleu grandes remodelacións dende hai unha década cando se construíron os novos vestiarios, se acondicionaron as gradas e se asfaltou o aparcamento. Co inicio da colocación do novo sistema de rego o equipo de fútbol Quiroga F.C.non poderá disputar ningún partido na casa polo menos ata o mes de xaneiro.

Xunto a reforma do campo de fútbol San Martiño tamén se levan a cabo melloras nas Pistas Multideportivas do parque da Constitución. Nestas dúas instalacións deportivas investiranse preto de 100.000 €. Serán dúas fontes de financiamento distintas coas que se conte para realizar estes traballos de mellora.

Por unha parte a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia aportará 48.394 €, mentres que do Plan Único da Deputación Provincial de Lugo investiranse outros 48.387,90 €. En canto ás melloras proxectadas nas pistas multideportivas do parque da Constitución, xa se realizou a roza e limpeza do talude da parte de abaixo e agora vaise substituír a malla inferior e cerrarase a pista con madeira tratada.

Avanzan as obras do Campo de fútbol San Martiño en Quiroga