jueves. 19.06.2025

O San Antonio en Petín, a festa de inverno que vai a menos

somoscomarca_20250117_petin_sanantonio (5)
O San Antonio en Petín, a festa de inverno que vai a menos

Como diría a miña mai: «Os vellos cada vez van a menos e os mozos teñen que traballar». Tampouco axuda moito que o Santo dos animais «caia» en día de semana nin que as crenzas relixiosas estean en declive.

Era un santo ben festexado cando era nena. Había festa rachada e a igrexa estaba chea de bote en bote. Na mesa non faltaba o cocido, precedido por un entremés que incluía o estómago do porco recheo de carne, ovo, xamón... Na sobremesa, a ucheira era o doce obrigado. Pola tardiña, o baile cobraba vida no Central, no Teleclub ou onde cadrase, sempre a cuberto, porque daquela as tardes eran para saír abrigados ou con paraugas. Algúns anos, ata caía neve.

somoscomarca_20250117_petin_sanantonio (4)
San Antonio portado por homes chegando á praza

Si, estou a falar de hai máis de cincuenta anos, cando as festas vivíanse doutro xeito. Tal día como hoxe, collíase auga bendita e bendicíanse aos animais: os cochos que quedaban na cuadra, os burros, as vacas... e tamén os cans, que daquela gardaban a casa, as ovellas ou ían á caza. Entraban e saían ao seu antoxo, sen que fixera falta acompañalos a mexar.

somoscomarca_20250117_petin_sanantonio (2)
A charanga acompaña coa música ao Santo

O San Antonio era tamén a festa dos quintos. Os mozos que ían ese ano á mili organizaban a festa. Pedían polas casas, pagaban a orquestra e o que sobraba repartíase, levando algún cuartiño para gastar ao chegar ao lugar onde «tocaba».

somoscomarca_20250117_petin_sanantonio (3)
Detrás da imaxe o novo párroco, Daniel Pérez

Hoxe, apenas catro ducias de persoas, xa de certa idade, acompañaron ao Santo na procesión que foi da igrexa á praza e de volta. Iso si, este ano houbo novidade: a presenza do novo párroco, Daniel Pérez, que substitúe ao finado Lisardo Paradelo.

somoscomarca_20250117_petin_sanantonio (7)
O coro da igrexa de Petín non falta á cita co santo

Os que non faltan neste día tan sinalado son os do coro. Coas súas voces acompañan toda a homilía, poñendo, xunto ao grupo de gaiteiros, a nota musical da xornada.

somoscomarca_20250117_petin_sanantonio (6)

Ruta de pinchos e actuación da Sonora

Petín é un pobo festeiro e, por iso, mañá 18 de xaneiro haberá unha ruta de pinchos. Os catro bares do lugar teñen preparado un petisco especial para acompañar a bebida. Así, a partir das oito da tarde, cada establecemento ofrecerá a súa especialidade: O Pitón servirá fabada; un cunco de zorza será a proposta do Coxita; no Cuatro poderase degustar paella e no Doble, unha cunca de caldo.

Ademais, Viva Petín, en colaboración co concello, ofrecerá panceta asada e chourizos na praza. A festa continuará coa actuación da Sonora Petinesa, que renderá unha homenaxe a Rafa, recentemente falecido.

Petín celebra o San Antonio, pero doutro xeito: menos xente na igrexa e máis na praza.

O San Antonio en Petín, a festa de inverno que vai a menos