martes. 24.06.2025

Laura Estévez: «Creo que antes había máis felicidade. Con menos vivíase mellor»

Laura viviu hasta que casou en Outeiro e conta como era a vida neste balcón de Valdeorras a mediados do século pasado

No noso percorrer pola comarca descubrimos lugares e xentes, coñecemos os seus usos e costumes, como era a vida hai unha morea de anos. Facemos un alto en Outeiro, unha aldea que pertence a Santa María de Mones, no concello de  Petín, falamos con Laura Estévez.

Laura lembra a súa aldea natal, Outeiro, como «un pueblo moi bonito que ten unha vista encantadora, sen dúbida»: Os que vivían pola parte de adiante, como ela matiza, moito máis. «Iso é un miradoiro», afirma cun brillo especial na mirada.

Paisaxe que se vei desde Outeiro nesta época do ano

Vivíase do campo, «cada un tiñamos as nosas viñas que era do que se vivía» e tamén da gandería. «Cando era non inverno a xente dedicábase a comprar bos bois para facer ou trato e sacarlle algo de diñeiro. Baixábanse ao día sete que había moi boa feira».

Na esquina da Casa dos Mancebos estaba a de Laura

Entre Oporto e Outeiro, na Tilleira, había adegas e covas xa que «o que máis e o que menos dedicábase ao viño», Laura recorda a vendima como unha data moi especial xa que viñan cuadrillas de sete ou oito persoas  que de normal repetían dun ano para outro.

Os cestos eran de madeira e «acarrelábanse as costas». As distancias eran longas e como recorda «ao mellor facían un viaxe antes do almorzo. Levábaselle o almorzo á bodega». Para a xente que tiña bois era máis doado xa que se lle poñía o carro e xa se chegaba cerca da viña.

Adega na Tilleira

Di Laura que se pisaba a uva nos pilos para obter o viño  e logo polas escaleiras de pau subíase a artesa desde onde caía o viño e o bagazo á cuba. Os vendimaregos durmían nas palleiras «dábanselle unhas mantas » e a durmir. E nas casas non se durmía mellor, como conta Laura, os colchóns eran de millo e logo xa pasaron a ser de lá. Non había váter o que se «levaba» era a «bacinilla».

Fonte a entrada de Outeiro

A escola estaba en Outeiro e alí estudiaban no tempo de Laura sobre corenta nenos, hoxe do edificio tan só quedan unhas pedras e os nenos cóntanse cos dedos dunha man e aínda sobran. Xogaban «aos escondites, as bolas, ao tríquel». «Na Tilleira faciamos un buraco e mirabamos a ver quen metía mais bolas nel».

Mallaban o pan na aira que está diante da casa dos Mancebos, pero antes preparábana dun xeito curioso, «barríana ben con uces e xestas e despois de ben limpa, aquela caca do boi batíase con auga e facíase unha pasta e coas xestas e fachizos estendíaselle ben polo suelo  e aquelo facía unha costra e para o outro día que estaba seca poñíase o pan todo colocadiño, cas espigas igualadiñas e entre tres ou seis ou os que foran cruzábanse cos mallos e alí mallaban o pan, os garavanzos e todo o que se ía recollendo».

Malla na aira de Castrofolla (Petín) hai 60 anos

Vivíase do que se recollía nas fincas: patacas, pementos, repolo, tomates..., de todo. Había fonte e forno para cocer o pan e  pola vendima mataban o chivo «sabía a gloria cas patacas que preparaba a mamá», e en decembro o porco.

Neste tempo íase a «buscar choupís» e outro cogomelo que comían eran as perrachicas. Collíanse cangrexos e anguías no río. Recorda Laura o Sil sen embalsar, era onde lavaban a roupa da vendima, e as mantas. Tamén se bañaban.

Prados de Outeiro por riba das casas, ao fondo Sampayo

Cos veciños había moita convivencia, «reuniámonos na recolección da herba e se viña a tormenta, alí aparecía o pueblo enteiro a axudarche». «Había o queixo, había a bota de viño... Era moi bonito, a min como me gustan os animais e o campo, que queres que che diga».

somoscomarca_231031_outeiro_embalsesanmartiño_panoramicas
Outeiro visto desde o encoro de San Martiño

Despois de escoitar a Laura quedamos con esta frase: «Creo que antes había máis felicidade. Con menos vivíase mellor»

Se queres escoitar a conversa completa con Laura está na seguinte ligazón:

Laura Estévez: «Creo que antes había máis felicidade. Con menos vivíase mellor»