
Malia que xa fora susceptible de solucións provisionais no pasado, agora o firme será substituído como solución a longo prazo, poñendo fin así á odisea na que se convertira circular por dito vial.
Antes da construción da ponte nova, a OU-533 (antiga Nacional-120) pasaba pola rúa Real para atravesar a ponte de A Cigarrosa, que comunicaba A Rúa e Petín. Co desvío do tráfico pola nova ponte, quedou o pequeno tramo dentro do casco urbano de Petín como parte da OU-533, propiedade da Xunta de Galicia, e o resto da vía como OUR-195, pertencente a Diputación.
Despois de anos de loita polo arranxo da estrada, finalmente o alcalde de Petín, Miguel Bautista conseguiu -tras varios reclamos a través das redes sociais e unha xuntanza coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez- que a consellería responsable desta vía, levase por fin a cabo unha solución para esta estrada.
Ademais das aclamadas obras na OU-533, no lugar de Freixido substituíuse tamén unha marquesiña que se atopaba pegada a unha fachada catalogada por Patrimonio. Tras máis de tres anos de reclamacións, o concello logrou cambiar dita parada de autobús.
Con todo, Petín está aínda pendente de unha obra máis, a que ten a ver co muro sito na praza da Portela. Unha parte do muro caeu, e o concello non está satisfeito co arranxo, posto que distorsiona coa estética anterior da escollera. “Antes había un muro de pedra do país, tipo lousa, e agora fixeron un pequeno muro de granito que non ten nada que ver co resto”, sinalou o rexedor. O concello está aínda en negociacións para rematar o muro e para a vindeira semana virá un técnico especialista a revisar os traballos.