domingo. 08.06.2025

O libro póstumo de Yosso protagonista no Día das Letras Galegas no Bolo

A presentación do libro do artista de Valbuxán no seu propio museo e a celebración dos 400 anos do Santuario das Ermitas son dúas das propostas turísticas do Concello
Inauguración do museo de Yosso no Bolo (21)
As propostas turísticas no Concello do Bolo

Museo Yosso acollerá a presentación do libro póstumo do artista de Valbuxán, Monforte 1951-52. Un acto na súa memoria, encadrado dentro da celebración do Día das Letras Galegas, no que se lerán poemas do autor e farase unha visita guiada polo museo.

Seguir atraendo turistas é un dos obxectivos do Concello do Bolo. A maiores tamén se está a celebrar os 400 anos do Santuario das Ermitas. Con motivo destas actividades, o alcalde, Alberto Vázquez, explica todo o que se pode ver no municipio. 

Para conmemorar ese aniversario «empezamos cunha exposición de cinco paneis explicativos de como foi a evolución da construción. O 25 de maio teremos conferencias para falar da historia, e xa o tres de agosto haberá un concerto de música sacra», enuncia Vázquez. 

Sumado a estas actividades atópase a guía turística. «Iniciamos o novo contrato en Semana Santa. Atende de venres a domingo polas mañás, tanto o Santuario, o Castelo como o Museo de Yosso. Tamén realiza distintas actividades», asegura o alcalde. Una das propostas é «unha presentación no museo o próximo 18 de maio dun libro». Será a partir das 18:00 horas. 

Finado o 31 de agosto de 2021, este foi o último libro que escribiu Xosé de Valbuxán: Monforte 1951-52. Nel conta historias do ano que pasou estudando no colexio dos Escolapios de Monforte de Lemos.

Durante esta presentación, intervirá Aurelio Blanco Trincado (presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses) e o historiador Isidro García Tato. Un acto, aberto ao público, de homenaxe a este poeta, no que ademais de presentar o libro, farase lectura das súas poesías e anímase a todos os visitantes que o desexen a que lean unha poesía, farase visita de balde ao museo e haberá tamén música.

O libro póstumo de Yosso protagonista no Día das Letras Galegas no Bolo