Toponimízate 2026 fará parada en O Bolo para recuperar os nomes da terra coa veciñanza

Toponimízate 2026 fará parada en O Bolo para recuperar os nomes da terra coa veciñanza
O programa da Real Academia Galega chegará a doce concellos, entre eles O Bolo, para impulsar a recollida de microtopónimos a través da plataforma Galicia Nomeada

A campaña Toponimízate 2026 volverá percorrer Galicia nos vindeiros meses co obxectivo de preservar e divulgar a riqueza dos nomes de lugar, e fará parada en Valdeorras co concello de O Bolo entre as localidades seleccionadas nesta nova edición. A iniciativa, coordinada pola Real Academia Galega co apoio da Secretaría Xeral da Lingua, busca implicar á cidadanía na recollida e conservación da toponimia tradicional.

A novena edición do programa desenvolverase ata outubro e chegará a unha ducia de municipios galegos, nun percorrido polas catro provincias. No caso da provincia de Ourense, ademais de O Bolo, tamén se visitarán Xunqueira de Ambía e O Pereiro de Aguiar.

A cita en O Bolo terá lugar o venres 25 de setembro ás 19.00 horas na sala coworking da antiga Casa Cuartel. A través destas sesións abertas, a veciñanza poderá coñecer o valor cultural da toponimia e aprender a empregar a aplicación colaborativa Galicia Nomeada, unha ferramenta que permite rexistrar nomes de leiras, montes, fontes, camiños ou regos, así como a tradición oral asociada a eles.

Segundo os datos achegados pola organización, máis de 4.300 persoas colaboraron xa nesta plataforma, na que se recompilaron preto de 110.000 microtopónimos en toda Galicia. A campaña pretende seguir ampliando esta base de datos e evitar a perda dun patrimonio que, segundo sinalan, está ameazado polo despoboamento e polos cambios nos usos do territorio.

Durante a presentación da iniciativa, celebrada na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, destacou que o proxecto non só contribúe a preservar a memoria histórica, senón que tamén reforza o vínculo da poboación coa súa contorna. Na mesma liña, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, puxo o acento na importancia da implicación cidadá na recuperación deste “tesouro cultural”.

As charlas serán impartidas por Vicente Feijoo, quen explicará o funcionamento da aplicación e ofrecerá tamén información sobre a orixe e o significado dos nomes das parroquias e aldeas de cada concello. Como novidade este ano, tamén se darán a coñecer os cambios introducidos na recente actualización do Nomenclátor de Galicia.

O programa inclúe ademais unha análise da utilidade práctica desta información para a administración, a investigación e a sociedade, unha vez que os datos están xeorreferenciados e normalizados.

A selección dos concellos participantes responde, entre outros factores, ao risco de perda da toponimia tradicional e ao interese amosado polas propias entidades locais. Moitos deles, como O Bolo, non formaron parte do Proxecto Toponimia de Galicia desenvolvido entre 2000 e 2011, polo que unha gran parte dos seus microtopónimos segue sen rexistrar.

Con esta nova edición, Toponimízate acadará xa os 120 concellos visitados en Galicia, consolidándose como unha das principais iniciativas de dinamización e conservación do patrimonio lingüístico galego.

Quiroga dará o primeiro paso en Lugo cun mapa sociolingüístico escolar

O concello de Quiroga converterase no primeiro da provincia en contar cun mapa sociolingüístico escolar propio, tras o acordo asinado coa Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua. A iniciativa permitirá analizar o uso do galego entre o alumnado, as familias e o profesorado dos centros educativos do municipio.

O obxectivo é dispor dun diagnóstico detallado que sirva de base para impulsar novas accións de promoción da lingua entre a infancia e a mocidade, nun contexto no que as administracións advirten dunha perda progresiva de falantes novos.