
Achegámonos a Buxán, unha pequena aldea do Concello do Bolo, para vivir de preto unha das súas tradicións máis especiais: a Ruta das Bodegas. Este ano cumpre unha década, converténdose nun evento imprescindible para os amantes do viño, a gastronomía e, por suposto, da tradicion da zona. Entre cuncas e bombos, deixámonos levar polo ambiente máxico desta celebración.

Os protagonistas falan con orgullo: «Imos de bodega en bodega, tocamos o fulión e pinchamos. E, por suposto, tamén nos emborrachamos un pouco», comentan entre risas. Este ano visitáronse 11 adegas, un número algo inferior aos 19 ou 20 doutras edicións, debido á dificultade dalgúns veciños para desprazarse ata a aldea. Pero iso non impide que a festa continúe con forzas renovadas.

Este ano, o folión iniciou o seu percorrido dende o cruceiro, avanzando pola parte baixa de Buxán antes de enfrontarse a unha empinada rúa que os levou ata a primeira adega, a de Rosa. Alí, xusto ao carón dun dos moitos pilóns que salpican o pobo —e nos que sempre acaba caendo alguén—, comezou a ruta entre música, tradición e viño.

Viño, bo ambiente e petiscos tradicionais
Ademais do viño, un dos grandes atractivos da xornada é a gastronomía. Nas bodegas agardan aos visitantes con chourizos, orella, callos, mexillóns e ata consomé quente, ademais dalgunha lambetada doce para rematar o percorrido. Cada ano hai algunha sorpresa e o recorrido adáptase, pero hai algo que nunca falta: a boa compañía e o son inconfundible do bombo e as aixadas.

O Fulión de Buxán: máscaras ancestrais e unha paixón que non se apaga
A ruta das bodegas non se entende sen o folión, unha tradición que en Buxán se mantén viva dende antes do ano 1900. Este folión ten un son primitivo e recoñecible, grazas á combinación de bombos e sachos que marcan o ritmo. Ademais, as máscaras que visten os participantes son das máis antigas e singulares de Galicia.

Enma Sobrino, explícanos que a máscara leva un pucho en forma de cono, antes decorado con postais e hoxe con fotos do propio folión. Tamén inclúen mantóns inspirados nos que se traían de Cuba, ademais das polainas. Cada ano, xente de todas as idades regresa a Buxán para manter viva esta tradición: «Hai dende pequenos de catro anos ata veteranos de máis de oitenta».