jueves. 18.04.2024
V Festival Medieval Castelo do Bolo (1)
O VI Festival Medieval do castelo do Bolo reunirá o próximo 8 de abril a un cento de músicos

 O VI Festival Medieval do castelo do Bolo reunirá o próximo sábado, 8 de abril, a un cento de artistas nunha nova edición do certame musical que este ano está dedicado á memoria de Severino Salgado, un dos membros máis veteranos do xa tradicional Folión do Buxán, falecido no pasado xaneiro.

O programa do festival foi presentado esta mañá no Pazo Provincial coa presenza da deputada de Cultura e Proxectos Audiovisuais, Patricia Torres; o alcalde do Bolo, Manuel Corzo; o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo; e a cantora Carmen Penim, que interpretará a Dona Urraca. 

O director da Escola de Gaitas da Deputación explicou o programa do VI Festival Medieval, que ademais de música tamén ofrece a oportunidade de contemplar no castelo unha exposición de gaitas ibéricas; asistir á presentación do libro "Cornamusas de la península ibérica e islas baleares", da investigadora e historiadora da arte medieval Ruth Foxo; e ademais "desfrutar na XIII edición da Festa da Vitela", engadiu o director da escola.

A partir das 18.30 horas, o festival principiará coa recreación do vello romance medieval no que a raíña Dona Urraca entra a cabalo no castelo, momento no que sonarán as trompetas desde a torre do homenaxe. Na fortaleza daranse cita artistas como Nadia Vázquez, especialista na Musette barroca, instrumento de vento de características semellantes á gaita; el Pravianu, un dos mellores gaiteiros de Asturias; Alexander Suárez, intérprete da uillean pipe o gaita irlandesa; ou David Bellas, investigador e gran coñecedor da gaita medieval. 

Tamén participarán musicos da contorna como a Banda de Gaitas do Bolo, as Cantoras de Trives; o cantor de romances Rogelio da Aceveda así como a compositora e cantora da seitura, Jacinta de Lentellais. O programa complétase coa égloga operística Pastora da Serra Sola, e a actuación da Real Banda de gaitas da Deputación.

O VI Festival Medieval do castelo do Bolo reunirá o próximo 8 de abril a un cento de...