
A Confederación e o Concello do Bolo dan un paso adiante coa firma do convenio conxunto que permitirá a mellora da Ponte da Barxa.
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), explicaba que dende o organismo facíanse cargo desta mellora a causa «da indiferenza de outras administracións».
Pola súa banda, Alberto Vázquez, alcalde do Bolo, aseguraba que «despois de seguir un proceso administrativo longo, xa o anterior goberno, chegamos aquí grazas a axuda da Confederación». Quen engadía que este corte influía no traxecto do transporte escolar. «Teñen que realizar un recorrido máis longo».
As actuacións consisten na demolición completa da actual obra de paso para substituíla por nova estrutura. Estará composta dunha ponte pórtico de 17,50 metros de luz libre, e 6,50 metros de ancho dividido en 5,50 metros para zona calzada e 0,50 metros en cada un dos dous laterais para dispoñer os sistemas de protección.
Dende o ano 2019, esta infraestrutura está sendo unha das principais preocupacións do concello bolés. De feito, este proxecto estaba feito no 2021. Recordar que foi nese mesmo ano cando o ex alcalde, Manuel Corzo, mantiña unha reunión co antigo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen lle trasladaba que a solución pasaba por construír unha nova infraestrutura.
O titular do Executivo galego precisaba naquel momento que a Administración autonómica tiña planeado financiar o 50%, a Deputación de Ourense achegará o 25%; mentres que a Confederación Hidrográfica do Miño Sil, o 25% dos 460.000 euros orzados para esta mellora.
Por mor da antigüidade desta proposta de mellora, dende o equipo de goberno tiveron que facer diferentes adaptacións polos prezos actuais da construción.
Agora ábrese un novo capítulo nesta obra grazas a firma do convenio no que o organismo comprométese a achegar o 80% do presuposto total de 660.000 euros, o resto correría a cargo do municipio.