O conselleiro do Medio Rural, José González, asistiu á XIII Festa da Vitela do concello do Bolo, que volveu celebrarse por primeira vez desde a pandemia este Sábado Santo, 8 de abril. Esta cita gastronómica, na que participaron máis de 800 comensais tivo como protagonista a vitela, acompañada de chourizo, lacón, garavanzos e patacas.

O conselleiro enxalzou esta XIII edición e destacou o valor cultural e o seu alcance como atractivo turístico entre as festas gastronómicas que se celebran na comunidade galega. Neste caso, centrada nun dos produtos senlleiros do sector da carne, no que se traballa no marco da Estratexia de dinamización do sector cárnico para situar Galicia como rexión produtora de referencia cun alto nivel de competitividade e sustentabilidade.

Esta será a derradeira festa para Manuel Corzo, como alcalde da localidade xa que non se presentará ás vindeiras eleccións logo de formar parte da política local ao longo dos últimos 30 anos. Corzo agradecía a presenza de todos os asistentes en especial a presenza da Xunta a través do conselleiro . A alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela; o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández; ou o de Manzaneda, Amable Fernández, non faltaron á cita. Antonio López que encabezará a lista do Partido Popular, sustituíndo a Corzo—Coordinador de Protección Civil do Bolo— e o número dous, José Vega tamén estiveron na festa.

A comida estivo acompañada pola charanga Nova Terras de Trives quen animou a bailar e desfrutar da sobremesa a todos os participantes.