
O Servizo de Información Turística do Concello do Bolo retoma a súa actividade a partir deste sábado 23 de marzo despois da inactividade dos últimos meses. A partir desta data o servizo estará en funcionamento de xeito continuo de venres a domingo en horario de 10 a 14:30 horas repartido entre tres dos puntos turísticos que se poden visitar deste concello.
As visitas guiadas serán cunha guía oficial de Galicia para ofrecer toda a información sobre o castelo medieval, o santuario das Ermidas e o Museo Yosso. Así mesmo reactivase o teléfono de información turística e de reservas de visitas: 606 01 71 05. O horario será de venres a domingo e tamén se abrirá os festivos.
O guiado de balde farase de 10 a 12 horas no Santuario barroco das Ermidas de venres a domingo e festivos marcados. O Castelo medieval ten unha entrada especial de 2 euros para público xeral e outra reducida para xubilados, grupos, parados e escolares, sendo de balde para os veciños que estean empadroados no concello amosando o seu DNI.
Esta visita guiada será de venres a domingo, e festivos, de 12:30 a 14:30 horas. Pola súa parte, o Museo Yosso, único museo pictórico en Valdeorras, abrirá as súas portas os sábados. Sempre con reserva previa de 13:30 a 14:30 horas.
O Concello do Bolo e o seu alcalde, Alberto Vázquez Rodríguez, consideran o turismo como un dos sectores cruciais por ser un importante instrumento de dinamización económica, sendo esencial para a súa dinamización este servizo de información turística que se pon agora en marcha de xeito continuo.
Dende o concello queren ofrecer este servizo e así axudar aos establecementos comerciais e hostaleiros da zona a dar unha mellor atención aos visitantes que se achegan ás terras do Bolo.