jueves. 29.05.2025

«O leite materno é a mellor vacina que existe, a máis grande e gratuíta»

A primeira semana de agosto é a Mundial da Lactación Materna. Falamos con Aurora Rodríguez, matrona e asesora de lactancia, sobre os seus beneficios, dúbidas e prexuízos que «deben desaparecer»
somoscomarca_240801_obarco_semanalactancia532
«O leite materno é a mellor vacina que existe, a máis grande e gratuíta».

A Semana Mundial da Lactancia Materna celébrase todos os anos dende o 1 até o 7 de agosto para crear conciencia e estimular a acción sobre temas vinculados á mesma. Cada ano establécese un lema, e o deste ano 2024 é "Pechando a fenda: apoio á lactación materna en todas as situacións».

O Barco de Valdeorras declarouse xa como Cidade Amiga da Lactancia Materna, e a Asociación De Nai a Nai desenvolve actividades e proxectos destinados a impulsala. Entre eles, unha Rede de Espazos que favorezan, faciliten e normalicen a lactación na vida cotidiana. 

Aurora Rodríguez é matrona, asesora de lactancia e membro de De Nai a Nai. Con ela mantivemos unha conversa con motivo desta Semana Mundial. 

SOMOS COMARCA: Como explicarías o lema deste ano da Semana da Lactancia Materna?

AURORA RODRÍGUEZ: Trátase de facer extensiva a necesidade de visibilizar o apoio á lactación en todas as situacións, da nai que aleita e do bebé. A nivel social, laboral, cultural, profesional, en todos. Que se intente facilitar, a todos os niveis, para que os nenos e nenas poidan facer uso deste regalo da natureza, algo que é un dereito. 

SC: Falta moito camiño por percorrer?

AR: Malia o que poida pensarse, segue habendo moitos tabúes arredor da lactación, así como estigmas sociais. Trátase de que as persoas sexan conscientes de que é algo natural e que ninguén ten que esconderse para evitar as miradas dos demais, sexan acusadoras ou non. Tamén que se faga fincapé na naturalización do feito, que é tanto coma que nós, adultos, poidamos tomar un café.

SC: De que se trata a creación da Rede de Espazos Amigos da Lactación de De Nai a Nai?

AR: É intentar que as persoas de arredor estean informadas de que a lactación é o máis adecuado, independentemente de que haxa situacións onde non poda realizarse. Evitar por todos os medios os xuízos. Que as cidades e pobos se fagan Amigos da Lactancia Materna implica iso, normalizalo, e que O Barco o sexa é moi importante. É unha medida básica de saúde pública, porque o leite materno é a mellor vacina, máis grande e máis barata que existe. 

É importante que poidas sentarte nun establecemento, con aire acondicionado e estar tranquila dando de mamar. Porque pode ir moi ben pero hai moitas dificultades, e as nais precisan tranquilidade, apoio e serenidade

SC: Que dirías a aquelas nais que enfrontan por primeira vez a lactación?

AR: Que se sintan arroupadas e que busquen apoio. Se hai algo importante neste proceso é o apoio porque as mamás poden ter a decisión moi tomada e moi clara pero non é fácil. Que ninguén se asuste, pero hai que enfrontarse a isto cunha rede de apoio e que estea ben formada en lactación. En Valdeorras temos a sorte de ter De Nai a Nai para ter ese apoio por exemplo. O fundamental é manter moita calma e ter moita paciencia. O parto dura unhas horas pero a crianza toda a vida, e a lactancia, aínda que é preciosa e marabillosa, custa. 

SC: Cales son as principais dúbidas coas que chegan as mamás á túa consulta?

AR: Por exemplo se chegaralle o leite ao seu fillo, se será suficiente... Deben saber que o calostro, ou costro (transición) é ouro en todo: prevención de alerxias, todo. Prepara ao bebé para a vida do exterior. Cada gota que sae é moi valiosa, é todo o que necesita. Máis adiante hai que asesorar para asegurar esa boa produción de leite, porque tamén preocupa a formación de gretas, que é frecuente, ou a posible mastite, ingurxitacións mamarias... 

Como non ten un medidor, como os biberóns, hai que ir a cegas, e moitas veces é difícil. Pero se pode. 

Pode escoitarse a entrevista completa neste enlace de audio:

«O leite materno é a mellor vacina que existe, a máis grande e gratuíta»