O mural da lactancia materna xa é unha realidade no Barco
A Asociación De Nai a Nai impulsou esta iniciativa. A artista, a barquense Patricia Fernández, rematou os traballos nunha parede ubicada na zona dos centros educativos
O mural da lactancia materna xa é unha realidade no Barco.
O mural sobre lactancia materna impulsado pola Asociación De Nai a Nai xa ilustra unha parede no Barco de Valdeorras. O muro foi cedido polo Concello, e atópase na zona dos centros educativos. A iniciativa enmárcase na declaración do municipio como Cidade Amiga da Lactancia Materna.
A artista que elaborou o mural é a barquense Patricia Fernández, tamén coñecida como "Lapintiparada", quen logrou captar a visión de De Nai a Nai «cun deseño moderno e vibrante». O mural presenta a unha muller «orgullosa de aleitar a un neno que xa non é un bebé, acompañada pola súa parella, resaltando así o importante papel do apoio na lactación».
O obxectivo desta obra é «visibilizar e normalizar a lactación materna dende a infancia». É por iso, segundo a propia asociación, que se atopa «nunha zona estratéxica, rodeada de colexios, institutos, un centro de saúde e escolas deportivas. Queremos que a comunidade se familiarice con esta imaxe e comprenda a súa importancia».
Ademais inclúese no mural a frase "O Barco Cidade Amiga da Lactación Materna", «en recoñecemento á declaración institucional realizada en abril. Este proxecto recibiu o apoio dos tres partidos presentes no Concello». Afirman así dende De Nai a Nai que esta iniciativa «é só o comezo».