miércoles. 25.06.2025

Tito, 92 anos de celtismo e unha ilusión feita realidade grazas ao concello do Barco

Realmente chámase Justo Gamarra Val, é o socio do Celta de Vigo co carné máis antigo no concello e ter a bandeira do seu equipo era  un soño que se fixo realidade das mans do alcalde, Alfredo García 
somoscomarca_ obarco_bandeiradocelta
Tito, 92 anos de celtismo e unha ilusión feita realidade grazas ao concello do Barco

O Barco de Valdeorras ten un celtista de honra. Chámase Justo Gamarra Val, aínda que todo o mundo o coñece como Tito, e aos seus 92 anos pode presumir de ser o socio máis veterano do RC Celta de Vigo no municipio. A súa historia de amor co club celeste comezou hai máis de oito décadas, cando o seu pai lle fixo o carné, e desde entón non deixou de seguir ao equipo con paixón e orgullo.

Hai uns días, Tito confesoulle ao seu fillo unha pequena ilusión: quería ter a bandeira oficial que o club editou recentemente e que se enviou aos concellos como parte dunha campaña de apoio para acadar praza en competición europea. A súa petición non caeu en saco roto. A nova chegou ata o alcalde do Barco, Alfredo García, que esta mesma mañá fixo realidade ese desexo.

O rexedor entregoulle persoalmente a bandeira que pendurou do balcón do Concello durante os últimos partidos da tempada. Un xesto simbólico, pero cargado de significado: a bandeira dun club que representa tantas emocións, posta agora nas mans dun dos seus seareiros máis fieis.

«Non podía estar en mellores mans», comentaban esta mañá desde o Concello. E non lles falta razón: poucas persoas poden contar cunha vida enteira ligada a unhas cores. Que Tito goce moitos anos máis da súa bandeira e da súa paixón polo fútbol.

Porque o celtismo, cando se leva tan dentro, non entende de idades.

Tito, 92 anos de celtismo e unha ilusión feita realidade grazas ao concello do Barco