sábado. 31.05.2025

Papá Noel, tren turístico e cestas de Nadal: o CCA anima o comercio local este decembro

O Centro Comercial Aberto do Barco de Valdeorras presenta unha programación chea de ilusión para este Nadal
somoscomarca_241210_obarco_cca_presentacion_nadal781
Papá Noel, tren turístico e cestas de Nadal: o CCA anima o comercio local este decembro

O Centro Comercial Aberto (CCA) do Barco de Valdeorras presenta un completo programa de actividades para celebrar o Nadal e dinamizar o comercio local. Jacobo Arias, presidente da asociación, destacou que o obxectivo é «apoiar e axudar ao comercio en xeral» durante unhas datas clave para o sector.

A fin de semana do 21 e 22 de decembro marca o inicio da programación coa instalación dunha caseta de Papá Noel na Praza do Concello. Os Elfos recibirán as cartas dos nenos e gardaranas nun buzón máxico. Papá Noel, ademais de recoller as peticións, sacará unha carta premiada cuxo gañador recibirá un vale de 100 euros para gastar nas tendas asociadas ao CCA.

O día 23 será a quenda dun tren turístico gratuíto que percorrerá as rúas do Barco en horario de mañá e tarde. Papá Noel, Mickey e Minnie animarán o traxecto e, tras o paseo, Papá Noel estará dispoñible na súa caseta cun fotomatón para que os nenos poidan levarse un recordo especial. O día 24 pola mañá, Papá Noel volverá á caseta para recibir as últimas cartas e peticións antes de partir.

Este ano, o CCA lanza o seu primeiro concurso de escaparates. Jacobo Arias destacou a iniciativa como unha forma de dar vida e cor ás rúas do Barco e involucrar aos comerciantes na celebración. Os escaparates máis creativos recibirán premios consistentes en vales de compra, trofeos e unha cea, recoñecendo así o esforzo e dedicación dos participantes.

Como cada ano, o CCA organiza o sorteo de catro cestas de Nadal, que inclúen agasallos doados polos comercios locais. Este ano, ademais, as cestas contarán con vales de compra de entre 100 e 250 euros. As cestas están expostas na Librería Murciego, onde Manoli, propietaria do establecemento, cedeu o espazo. Os clientes que realicen compras no comercio asociado poderán participar no sorteo escribindo o seu nome e número de teléfono na parte traseira do ticket de compra. O sorteo terá lugar despois do 5 de xaneiro.

Para ofrecer un respiro aos pais e nais durante as compras, o CCA organizará obradoiros infantís do 26 ao 28 de decembro. O día 26 pola tarde será o turno dun obradoiro de cociña para nenos de 5 a 12 anos. O 27 pola mañá realizarase un taller de manualidades de Nadal para nenos da mesma idade, e o día 28 pola tarde terá lugar un obradoiro de adornos navideños para nenos de 7 a 14 anos.

Con esta ampla oferta de actividades, o Centro Comercial Aberto do Barco reafirma o seu compromiso coa dinamización do comercio local e a creación dun ambiente máxico que enche de ilusión as rúas durante o Nadal.

Si desexa escoitar a entrevista completa pode facelo aquí:

Papá Noel, tren turístico e cestas de Nadal: o CCA anima o comercio local este decembro