A Plataforma Sanitaria de Valdeorras convoca unha asemblea para reactivar as mobilizacións
A Plataforma Sanitaria de Valdeorras volve á actividade ante a situación que, segundo denuncian, atravesa o Hospital Público de Valdeorras (HPV). A falta de profesionais e servizos, os tempos de espera «inasumibles», a perda de peso sanitario do centro e o que consideran unha discriminación á cidadanía da comarca son algúns dos motivos que levan á plataforma a reactivarse.
A asemblea está convocada para o xoves 16 de outubro, ás 19.00 horas, no salón de actos do edificio multiusos do Concello do Barco de Valdeorras. No encontro participarán os tres portavoces históricos da organización e abordarase a reanudación das accións reivindicativas, así como o deseño dunha nova manifestación e a planificación do funcionamento interno.
Na convocatoria, a plataforma critica tamén a inadecuación dos recursos sanitarios ás necesidades da poboación, o «desprezo» á atención primaria e o «incumprimento da normativa sanitaria» por parte dos actuais responsables do Sergas. Por todo isto, fan un chamamento á cidadanía do distrito sanitario de Valdeorras para que acuda á reunión e participe na reorganización do movemento