A oficina móbil de información aos emigrantes galegos retornados chegou ao Malecón do Barco
A Oficina Móbil de Atención ás Persoas Emigrantes Retornadas da Xunta de Galicia visitou O Barco de Valdeorras, estacionándose no Malecón para ofrecer asesoramento personalizado aos galegos retornados e aos seus descendentes que desexan establecerse na súa terra de orixe. Esta iniciativa, promovida pola Secretaría Xeral da Emigración, ten como obxectivo achegar información e apoio sobre os diversos trámites necesarios para facilitar o proceso de retorno e integración en Galicia.
Durante a súa estancia no Barco de Valdeorras, as técnicas da oficina móbil, Sandra Diéguez e Sabela Pereira, explicaron que este servizo nace para cubrir as necesidades dos emigrantes galegos retornados ou dos seus descendentes que teñen a intención de instalarse en Galicia. A oficina móbil desprazase por toda Galicia para atender a xente, informando e asesorando tanto antes do retorno, a través de consultas desde o estranxeiro, como despois de retornar, en relación aos trámites que deben realizar unha vez que están en Galicia. Isto inclúe información sobre axudas para emprender ou para cubrir gastos derivados do retorno, así como asesoramento en temas como escolarización e sanidade.
As consultas máis habituais que reciben abarcan desde orientación laboral e información sobre axudas económicas ata homologación de estudos e documentación necesaria para facilitar a integración dos retornados. O perfil dos que retornan é variado, destacando persoas en idade laboral con alta cualificación que buscan mellorar a súa situación profesional e persoal en Galicia.
Para facilitar o acceso a este servizo, a oficina móbil ofrece a posibilidade de concertar citas previas a través do teléfono gratuíto 900 102 380 ou do correo electrónico oficinaretorno.emigracion.ourense@xunta.gal. Ademais, aqueles que desexen que a oficina móbil visite a súa localidade poden solicitalo mediante estes mesmos medios de contacto.
Esta iniciativa forma parte da Estratexia Galicia Retorna, que busca fomentar o retorno e a integración dos galegos do exterior, promovendo a creación de novas empresas e fortalecendo o tecido empresarial coa experiencia doutros profesionais.
A presenza da oficina móbil no Barco de Valdeorras representa unha oportunidade para que os emigrantes retornados da comarca poidan recibir información e asesoramento de primeira man, facilitando así o seu proceso de retorno e integración na sociedade galega.