Antía Muíño emociona a praia fluvial do Malecón, no Barco

O son do río Sil foi un acorde máis dun concerto que amenizaba a noite calorosa barquense

programación cultural e de ocio do Barco para estes meses de xullo, agosto e setembro continúa co XII Ciclo de Perto. Nesta ocasión, foi cun concerto de Antía Muíño, no que o son do río Sil foi un acorde máis. 

A praia fluvial do Malecón encheuse de xente esperando escoitar a súa doce voz. De feito, na parte do paseo tamén quedaban os máis tímicos escoitando apoiados na varanda. 

«Para min cantar é algo inherente, tan natural como respirar»

A programación de verán do Barco prosegue mañá venres 5 de xullo cunha nova cita do XII Ciclo De Perto. Faino coa artista Antía Muíño, que presentará o seu primeiro disco "Carta aberta" nun concerto intimista acompañada por tres músicos máis: Miguel Arribas cos saxos e teclado, Ton Risco a percusión e Judith Almeida ao contrabaixo.

O concerto será ás 22:30 horas na praia fluvial do Malecón. Falamos con ela sobre a súa historia coa música, e sobre a súa volta ao Barco —xa actuou no municipio no primeiro Ciclo Terrasón no ano 2020—.

SOMOS COMARCA: Que poderemos atopar no teu concerto?

ANTÍA MUÍÑO: Imos presentar "Carta aberta", o meu primeiro traballo. Estou nunha etapa moi emocionante porque levamos tempo xa presentando este disco e facendo xa temas novos. É un concerto moi bonito, con moitos momentos. Por exemplo íntimos co protagonismo para a guitarra e a voz. E despois outros máis enérxicos cos catro músicos dando todo. 

SC: Sabemos que non estarás ti soa no escenario.

AM: Acompáñanme Miguel Arribas cos saxos e teclado, Ton Risco á percusión e Judith Almeida ao contrabaixo. É un formato no que non levamos moito tempo traballando porque sempre fomos a trío. Pero agora temos a nova incorporación do contrabaixo e estou moi contenta. Queda moi moi chulo e moi enérxico desta forma.  

SC: Que sintes ao voltar a tocar no Barco?

AM: A primeira vez que estiven encantoume. Faime moita ilusión volver porque foi no 2020 e foi un dos primeiros concertos que fixen como Antía Muíño. Teño moi bo recordo do Barco porque me encanta a zona. Encántame tamén poder tocar pola noite e que faga calor, porque na miña zona de Santiago e Costa da Morte non pasa moito.

SC: A música sempre formou parte de ti?

AM: Dende sempre xa cantaba todo o que escoitaba. A música para min é algo inherente, sobre todo o cantar. Para min é tan natural como respirar. Comecei ligada á música tradicional e xa fun buscando o meu camiño. Explorando outras músicas ligadas ao jazz, improvisación e músicas populares. E con todo iso fun facendo a miña voz, que é o que tento facer nos novos temas e nesta "Carta aberta". 

SC: É fácil vivir da música?

AM: Non, nada fácil. Ten cousas bastante complexas. Desafortunadamente vivimos nun mundo onde hai certas propostas musicais que custa máis que se exporten. Pero é certo que levamos moi boa acollida con este disco. Puidemos tocar fóra de Galicia, en Marrocos, República Checa e Portugal. Pero sempre tes esa inseguridade de non saber exactamente que vai ser de ti dentro de certo tempo. Temos que lidiar con iso os artistas. 

Pode escoitar a entrevista completa neste enlace de audio: