viernes. 06.06.2025

Máis de 30 actividades para o verán do Barco

O programa organizado polo Concello arrinca o vindeiro martes 2 de xullo e inclúe música, poesía, teatro, cinema ou narración oral. O peche do calendario estival será coas Festas do Cristo no mes de setembro

somoscomarca_240626_obarco_concello_actividadesverano411_
Máis de 30 actividades culturais para o verán do Barco.

O alcalde do Barco, Alfredo García, e a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, presentaron hoxe mércores 26 de xuño a proposta cultural para o verán no municipio. Un programa que conta con 34 actividades que van dende o próximo martes 2 de xullo até o final das Festas do Cristo, o 16 de setembro. 

Baixo o lema "O Barco no verán é cultura" ampáranse todas estas propostas que inclúen música, poesía, teatro, cinema ou narración oral. 

Oito citas no XII Ciclo De Perto

O martes 2 de xullo arrinca o XII Ciclo De Perto nos xardíns da Casa Grande de Viloira con Ítaca ás 20:30 horas. O venres día 5 continúa o seu programa na praia fluvial do Malecón, ás 22:30 horas, co concerto de Antía Muiño. Xa na segunda semana de xullo, o martes día 9 os xardíns da Casa Grande de Viloira acollerán a actuación de Cris de Caldas ás 20:30 horas. 

somoscomarca_viloira_ciclodeperto_caxoto_(2)_2023
Unha actuación do Ciclo De Perto do ano 2023.

A quenda do Ensemble de saxofóns do Conservatorio de Vigo e do Barco será o venres 12 ás 20:30 horas no Mosteiro de Xagoaza. Os Furafollas daranse cita nos xardíns da Casa Grande de Viloira o martes 16 de xullo ás 20:30 horas. 

Pola súa banda, Ángeles Goás actuará o martes día 23 ás 20:30 horas nos xardíns da Casa Grande de Viloira. As dúas citas que pecharán esta edición de De Perto serán a actuación do Orfeón de Valdeorras e a Coral Linarejos de Linares o venres día 26 ás 20:30 horas na adega Roandi; e Paula Pier estará na pradeira do Chao o martes día 30 ás 22:30 horas. 

Cine na rúa e no Teatro Lauro Olmo

Sete proxeccións ao aire libre haberá nos meses de xullo e agosto na Praza Maior do Barco. Os títulos que poderán verse este ano son: ¡Vaya vacaciones!; Momias; Mavka, guardiana del bosque; Elemental; Indiana Jones y el Dial del Destino; Mario Bros; e Campeonex

As tres primeiras proxectaranse ás 22:45 horas e as catro últimas ás 22:30

Por outra banda, dende o venres día 23 de agosto ao sábado 30 terá lugar a XXXIII Semana do Cine no Teatro Lauro Olmo. Na súa inauguración, estará en concerto Sito Trío na Praza Maior ás 22:30 horas.

O V Ciclo Terrasón chega con nove propostas

A primeira cita da quinta edición do Ciclo Terrasón terá lugar o mércores día 31 de xullo na Praza Maior con Rholben & Mano Panforreteiro ás 22:30 horas. Xa en agosto, o domingo día 4 actuará C.T. Powell & The Bluedays no paseo do Malecón ás 13:00 horas. 

O venres 9 de agosto a praza do Concello acollerá a actuación de Caldo, ás 22:30 horas; e o domingo 11 o paseo do Malecón será o escenario de Nowie & The Barbers ás 13:00 horas. O mes de agosto continúa coas actuacións de Mazu & The Rokkens —o venres 16 ás 22:30 horas na rúa Abdón Blanco—; e de The Barefoots —o domingo 18 ás 13:00 horas na praza do Sagrado—.

somoscomarca_obarco_prazamaior_terrason_belemtajes_2023 (9)
Terrasón ano 2023.

Xa o domingo 25 será a quenda de notAzul, que actuará no paseo do Malecón ás 13:00 horas; e o venres 30 de agosto pechará o mes Alber Solo ás 22:30 horas nas pistas deportivas

Unha cita deste ciclo quedará para setembro, para o venres 6 ás 22:30 horas, e será a actuación de Iker Piris na praza Andrés de Prada

Silfest, Diververán, folclore, feira, festival e Festas do Cristo

A oitava edición do Silfest chega á praia fluvial do Malecón os días 18, 19 e 20 de xullo. E ademais, haberá unha actividade o mércores 17 ás 22:30 horas na praza Maior. Trátase de Ó son do cine no Silfest con Sabela Freixeiro ao piano. 

A seguinte semana —que va dende o luns 22 até o domingo 28 de xullo— celebrarase o Diververán no campo da festa. Con iso pasaríamos ao mes de agosto, que estará protagonizado polas XXXIX Xornadas de folclore. Desenvolveranse o martes 13 ás 22:30 horas. 

somoscomarca_obarco_xornadasfolclore_2023 (56)
Xornadas de folclore ano 2023.

Pechando esta programación de verán chega o mes de setembro con tres propostas máis, dúas delas coincidindo no tempo. Falamos da Feira de produtos artesanais e do Festival AMAVA, que se desenvolverán a fin de semana do 7 e 8 na praia fluvial do Malecón

As Festas do Cristo marcarán o fin a esta proposta cultural estival, coa súa celebración entre os días 13 e 16 de setembro. 

Máis de 30 actividades para o verán do Barco