


A programación cultural e de ocio do Barco para estes meses de xullo, agosto e setembro arrincou hoxe martes 2 de xullo coa primeira cita do XII Ciclo De Perto. Foi co espectáculo de narración oral "Anacos" de Ítaca Teatro nos xardíns da Casa Grande de Viloira.
Esta semana falamos con Carlos Rebolo, un dos seus dous fundadores, sobre a tradición da narración oral e sobre a súa historia neste ámbito cultural. Aquí deixamos a entrevista:
SOMOS COMARCA: Que é "Anacos"?
CARLOS REBOLO: Anacos é un espectáculo de narración oral, de autobiografía ficcionada. Unha serie de contos contados de viva voz. O arte ancestral de contar contos. Estou moi contento de presentar este traballo no Barco porque ten unha simboloxía especial para min porque é como pechar un círculo.
SC: Por que pechas un círculo?
CR: No 2021, Ítaca Teatro estreou no Lauro Olmo "Formigas no peto", que mestura narración oral con teatro de imaxes e con teatro actoral. Esa montaxe, que dirixiu José Campanari, foi o meu primeiro contacto co mundo da narración oral. E a partir de aí sigo conformando un repertorio como contador de historias. Este espectáculo de "Anacos" é como un fillo de "Formigas do peto". E agora vou ter a oportunidade e o pracer de levar esta proposta alí tamén. Por iso faime tanta ilusión.
SC: Que podemos atoparnos en "Anacos"?
CR: No espectáculo estou eu só. Estarei acompañado durante todo o día con José Campanari, 'Campa', o meu mestre, quen me iniciou neste mundo. El me ten como o seu discípulo e segue acompañándome nalgunhas das sesións de contos que fago. E aquí non podía faltar.

SC: Que é para ti a narración oral?
CR: Un mundo por descubrir. Xa levo uns anos pero é algo que non coñecía en profundidade, si asistía como espectador, pero nunca me plantexara convertilo nun oficio propio para min. Cando tiven a ocasión de traballar con Campa, el descubriume e díxome que era un narrador oral natural. Que había que aproveitar iso.
SC: E a nós como espectadores, que nos aporta?
CR: É parte da tradición. Creo que é algo que non debemos perder. É moi importante que sigamos contando contos, historias, tradicionais ou biografías, adaptacións de películas... o que sexa. É importante que sigamos falando, escoitando, conversando, que recordemos cando eramos nenos e nos deitábamos e nos contaban contos para durmir. Todo isto e moito máis é a narración oral.
SC: Como valoras a acollida do público nos vosos espectáculos?
CR: O público é moi receptivo. Teño varias anécdotas de persoas que se achegan despois da sesión e queren compartir unha historia súa —o cal é moi bonito e moi xeneroso—, hai quen chega a referir que lle gustou máis porque lle recordou algo da súa vida. Trátase de que fagamos unha viaxe en conxunto. Incluso recuperamos verbas que están caendo en desuso, como cachifánfanos.
A entrevista completa está dispoñible neste enlace de audio: