so
somoscomarca_20251207_obarco_veigamuiños_decoracionnavidad (14)
Veigamuiños volve converterse, un ano máis, nun pequeno universo onde a maxia do Nadal cobra vida con forza. As súas rúas e prazas están de novo engalanadas grazas ao esforzo e á ilusión dun grupo de mulleres que, co seu traballo artesanal, logran transformar cada recuncho da parroquia do Barco de Valdeorras nun escenario cheo de fantasía.
Esta edición chega con novas propostas que xa se converteron en auténticos reclamos para veciños e visitantes. Na praza da igrexa destaca unha sorprendente piscina con pescador, acompañada de árbores decorados con motivos feitos a man. Non faltan tampouco os esquiadores que descenden pola costa de Veigamuiños ou baixan no telesilla, este ano máis numerosos ca nunca.
Ao subir a costa, os visitantes atopan a casa do Apalpador e, un pouco máis arriba, un fermoso nacemento realizado con figuras de troncos. Na entrada do pobo, un tren cargado de agasallos simboliza a ilusión destas datas. Xunto ao templo, unha orixinal árbore de Nadal feita con listóns de madeira recolle os nomes de todos os nenos, mentres un columpio cun pequeno lembra que “en cada neno nace a humanidade”. En fronte, os Reis Magos e o seu buzón de cartas reciben aos visitantes dende a marquesiña do autobús.
O paseo polo río Mariñán completa este percorrido máxico: árbores con desexos, renos, bolas e luces crean unha estampa inesquecible, tanto de día como de noite.
A Asociación de Mulleres Rurais de Veigamuiños é a alma desta iniciativa. Levan case dúas décadas dinamizando a vida da parroquia con obradoiros de bolillos, punto canario, memoria, pandeireta e ximnasia adaptada. Ademais, desempeñan un papel fundamental nas festas locais, como as de Santo Tirso, que terán lugar os días 17 e 18 de xaneiro con campionatos de tute e actividades para os máis pequenos.
