Margarida Pizcueta: «A xente que vaia ao magosto que vaia preparada para a festa»
Neste día de San Martiño, patrón da parroquia de Viloira, a praza Otero Pedraio do lugar, acolle o magosto organizado polo Concello do Barco.
Vai ser as 19.00 horas, «Á tardiña, entre ese lusco e fusco, que é máis noite que día, porque o magosto apetece con lume, con fume e por suposto con castañas e viño; e con frío», sinalaba Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura do Concello do Barco, na conversa mantida no programa +d1 Valdeorras desta mañás e que podes escoitar completa no seguinte audio.
O magosto «vai seguir o formato que tanto éxito tivo o ano pasado», e que non é outro que «se faga dun xeito máis ordenado. Con cucuruchos, con fileiras, etc, etc. Todo iso tivo tanto éxito que este ano repetimos con ese formato», argumentaba Pizcueta.
Vanse asar 400 quilos de castañas, case que o dobre dos que se asaban hai 7 anos cando a concelleira comezou a organizar o magosto. E, como ela mesmo di: «Polo San Martiño música, castañas e viño».
Os chourizos poderanse adquirir nos establecementos hostaleiros que se atopan na praza e nas súas proximidades xa que como comenta a concelleira, «non podemos facer un magosto e que os establecementos hostaleiros non se beneficien, porque seguimos apoiando a pesar que parece que está superada esa crise motivada pola covid, porque sempre os apoiamos o que se pode e cando se pode».
A música está a cargo dunha das bandas que xa estivo nas festas do Cristo,’Bandina los Bierzones’. «No Cristo na lectura do pregón, nos gustou tanto Bandina de los Bierzones; a enerxía e oritmo que teñen nos fai falta para recuperar esa normalidade no magosto».
«O Magosto non necesita moito máis, poderíamos facer moito máis pero non necesita. A xente o que quere é xuntarse, comer unhas castañas, brindar cun pouco de viño, botar uns bailes e unhas cantarenas e marchar para a casa», remata a concelleira