
«Aí vén o maio, do señor Abel, que trae as garrulas e anda de pé. Que de pé, quede sentada, este é o maio que trae as castañas...»
Onte celebrouse no Barco unha das tradicións máis fermosas e cheas de significado da nosa terra: os Maios.
Estamos a falar dunha festa ancestral, unha desas que veñen de moi atrás, de cando o tempo se marcaba co paso das estacións e a chegada da primavera era motivo de ledicia, de festa, de renovación. E así, cada primeiro de maio, as rúas, os patios, as prazas… énchense de cor, de flores, de natureza vestida de arte popular.
Lembro, e seguro que moitos dos que escoitades tamén tedes recordos da vosa infancia, como a miña nai cantaba esa copla cada vez que se achegaba este día. Unha cantiga que resoa na memoria con forza e tenrura, coma se fose onte.
Ela era «mestra unitaria», desas que daban clase desde os parbulitos ata os 14 que era cando era obrigado o ensino, celebraba os Maios co seus alumnos e alumnas. Estaba na escola de Carballal, e alí facían auténticas marabillas: con xestas, piornos, margaridas… Con esas mans pequenas que recollían ramiñas no monte, construían verdadeiras obras de arte.

Era unha festa sinxela, pero chea de maxia. Un recordo da infancia, das cousas bonitas que quedan gravadas na alma para sempre. Ir ao monte cos compañeiros, escoller con coidado cada flor, cada verde, e volver á aira diante da escola coa ilusión de quen vai facer algo grande. Alí estaban tamén os veciños: a señora Adelaida, o Ermógenes, Regina, Mirita, Teresa, Agustín, Generosa, Milagros, Joaquín, a Hortensia..., pata botar unha man e desfrutar cos rapaces.
Aquí no Barco de Valdeorras, os Maios celébranse desde hai moitos anos. Xa forman parte da identidade da vila, das rúas, do xeito de entender un período do ano. Pero tamén é certo que, como pasa con moitas tradicións, bótase de menos máis participación da xente maior. Antes, os barrios enteiros implicábanse, facíanse maios enormes, pasacalles, cantábanse coplas que retrataban o que pasaba no mundo, na vila, na casa…

Hoxe esa forza do conxunto da cidadanía quizais non é tan visible, pero hai algo que non se perdeu, e que incluso medrou: o traballo das escolas. Os centros educativos, os nenos e nenas, e os seus mestres e mestras están a facer un esforzo incrible para manter viva esta tradición. Chegan aos Maios con coplas traballadas, con esculturas florais preciosas, co entusiasmo de quen entende que celebrar a natureza e as nosas raíces é tamén unha forma de mirar ao futuro.

Porque os Maios son iso: un canto á natureza, á creatividade, á xente que escoita e respecta as tradicións. Un canto de esperanza. E tamén unha denuncia. Porque nas coplas dos maios cántanse as alegrías, si, pero tamén as inxustizas, as preocupacións, as cousas que hai que mellorar.
Cada maio é unha mensaxe feita con flores e palabras. É unha árbore ou unha figura vestida de verde, que nos fala da nosa historia, da nosa paisaxe e da nosa xente.

Desde esta radio damos as grazas a todos os que vos animástedes a saír e participar , a crear, a cantar, a facer do maio algo noso. Algo vivo. Porque manter viva unha tradición é tamén manter viva a nosa cultura, a nosa lingua, a nosa forma de estar no mundo.
E se cadra, para o vindeiro ano, cando vexades un maio nunha praza ou escoitedes unha copla na voz dun neno, pechade os ollos un intre e pensade en todas as mans que fixeron posible esa marabilla. Nas de hoxe, e nas de onte. Nas da miña nai, nas da túa avoa, nas dos veciños que xa non están… Porque, en cada flor que se coloca, hai unha memoria que florece.