
Desde as 11:30 horas, na Praza do Príncipe comeza a buir coa apertura da feira de produtos artesanais, onde 27 artesáns locais ofrecen as súas creacións. Ás 12:00, a música e o baile tradicional galego animan a xornada, seguidos polo canto de coplas ás 13:00. Pola tarde, ás 18:00, o espectáculo familiar "Ghazafelhos" entretén a grandes e pequenos, culminando coa entrega de premios ás 19:00. En total, repartiranse 1.800 euros entre os oito maios participantes e as catro coplas presentadas.
Pero a celebración non se detén aí. En Casaio, a Ermida de San Xil acolle un ano máis aos romeiros que, entre natureza e devoción, achéganse ata este lugar sagrado que honra ao santo que «sempre quixo vestir de negro». Trátase dunha cita marcada tanto pola fe como pola tradición, onde se pide protección para o oído e saúde para o corpo.
En Portomourisco, a arte sae ao encontro do rural. A iniciativa Arte no Rural transforma as rúas da aldea nun museo ao aire libre con preto de cen obras creadas por artistas da comarca. Pinturas, esculturas e instalacións feitas por mans valdeorresas dan vida a un espazo que tamén celebra a creatividade como forma de resistencia e identidade.Do 1 ao 3 de maio, as pedras centenarias e ás rúas desta aldea que pertence a dous concellos, o de Petín e o de Larouco, acollerán as obras de Roberto Álvarez, Rogelio Diéguez, Paradela Arte, Sina Arias, Lilí, Noé Blanco e os propios veciños da Portela, José Fernández e María José Landeira.
E, a exposición Exovais chega á Sala Abanca da Praza do Príncipe, no Barco. Pódense contemplar as obras de costura, bordado, ganchillo ou bolillos das corgomesas Henar Macías e Carmiña López. A exposición estará aberta ata o 19 de maio, en horario de xoves e venres de 17:00 a 20:00 horas, e os sábados de 11:00 a 13:00 horas.Este 1 de maio, Valdeorras non só lembra aos traballadores, senón que honra o traballo colectivo que mantén vivas as súas festas, a súa cultura e o seu territorio.