Como xa é tradicional, cada primeiro de maio convócase os romeiros na vella ermida de San Xil, a pesar de que o un de setembro é o día propio da súa celebración. Para comprender mellor esta festa dobre debémonos remontar ata o ano 1972, ano no que se fixo «unha ermida nova en Casaio», explica Venancio.
Con esta nova construción e dous santos na antiga, tomouse a decisión de «deixar o vello arriba e traer o novo para Casaio», asegura. Co paso do tempo tomouse a decisión de renovar a antiga edificación.

«Estaba todo en ruínas e no ano 2001 recuperámola. Dous anos despois reformamos o retablo. Nese momento atopámonos cunha sorpresa», recorda. Xusto por detrás estaba a tumba do santo. Segundo a historia do pobo, «os de Casaio tiñan medo de que viñeran unha noite e que o desenterraran os do Bierzo», di Venancio.
Na talla que se atopa na ermida «tiña unha cor verde. Cando fixemos a restauración recuperouse o habito negro que foi o que lle puxeron de maneira inicial».

A vida de San Xil ata chegar a Casaio
Para coñecer mellor o santo de San Xil debémonos remontar ata o século XII. «Era un monxe beneditino. Estudou no mosteiro de Carracedo do Bierzo, no de San Pedro de Montes e foi abad de San Martín de Castañeda en Sanabria», explica.
Esta última etapa foi na que se produciu o detonante para que San Xil chegase a Casaio. Na época como abad «tivo discrepancias cos seus superiores a raíz de querer cambiar o habito negro polo branco», asegura Venancio.

Ese cambio foi o que provocou a decisión de mudarse a terras valdeorresas. «Sanabria queda por detrás de Trevinca. Había un sendeiro, el coñecía a paraxe entón chegou a vivir aquí polo século XII», comenta. As datas non están fixadas polos historiadores, de feito chegan a existir discrepancias, pero poderíase situar entre os anos 1130 e 1140.
Durante esta nova etapa, os veciños de Casaio eran os encargados de pagarlle en especias. San Xil era o «intermediario facendo diferentes documentos».

O santo tiña contacto cos beneditinos da orde de Santa María de Casoio. A persoa encargada de enterralo «foi Pedro Fernes. Non se sabe se era irmán de sangue ou da congregación».
A romaría de San Xil
Nesta ocasión, na romaría estaban catro dos cinco sacerdotes pertencentes a UPA creada pola diocese de Astorga en Valdeorras —tamén engloba Puente de Domingo Flórez—. En concreto, acudiu Don Juanjo de Casaio, Don Jesús do Barco, Don Javier de Viloira e Don Cristofer de Puente Domingo Flórez.

Para poder desfrutar desta xornada, uns chegan camiñando e outros en vehículos todoterreno. Como xa é tradición, o día comenzaba cunha misa e unha pequena procesión. Despois deste acto, tiña lugar a comida campestre e moita "troula".
Un día para recordar
Chuvia, sol, neve e sarabia, este 1 de maio o tempo acompañou, ou non, aos romeiros que cada ano van a pé ata a ermida do San Xil vello. Os que foron en coche tivérono máis doado.

Unha paisaxe sen igual, acompañounos ao longo de todo o camiño desde onde Carlos Tejerizo amosou onde quedaba a Cidade da Selva ou as pinturas de Palas de Cabras, pero ese é outro conto que vos ensinaremos nuns días, cando o Valdeorras Pueblo a Pueblo chegue a Casaio —e non falta moito—.

Amancio e Javier afanábanse en facer lume para que as brasa asaran as magníficas chuletas de vaca ou as de cordeiro. mentres fora as mozas e non tan mozas bailaban ao son da charanga patra facerlle gaña á comida.

Sen dúbida un día que merece a pena recordar coa promesa de volver, máis pronto que tarde, para poder facer a reportaxe dun pueblo e dunha xente.
