O IES Martaguisela de O Barco de Valdeorras pechou a convocatoria da PAU 2026 cun balance moi positivo. O 90 % do alumnado presentado superou as Probas de Acceso á Universidade e cinco estudantes acadaron a cualificación de excelencia, un resultado que sitúa ao centro entre os máis destacados da comarca.
Os alumnos que obtiveron esta distinción foron Nerea López García, Eva López García, Alicia Domínguez Cortés, Paula Ares Couso e Diego Nogueira Pérez. Este último suma un novo éxito académico ao seu expediente, xa que tamén conseguira a excelencia na convocatoria de 2025. Nesta ocasión decidiu presentarse de novo á PAU para mellorar a súa nota de acceso, imprescindible para poder optar aos estudos universitarios que desexa cursar.
Desde o centro educativo trasladaron a súa satisfacción polos resultados acadados e quixeron felicitar ao alumnado, ao profesorado e tamén ao persoal non docente polo traballo realizado ao longo do curso.
Ao mesmo tempo, desde o instituto lamentaron os incidentes rexistrados durante a elaboración e desenvolvemento dalgunhas probas por parte da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), expresando o seu desexo de que estas incidencias queden resoltas nas futuras convocatorias.
Recoñecemento tamén do Clúster da Pizarra
As boas novas para o Martaguisela e as irmás Eva López García e Nerea López García chegaron tamén da man do Clúster da Pizarra de Galicia xa que recibiron este xoves un diploma .e unha dotación económica en recoñecemento ao seu esforzo académico e aos excelentes resultados acadados durante o Bacharelato.
As dúas estudantes obtiveron exactamente a mesma cualificación final, converténdose nas mellores expedientes da súa promoción no centro barquense. Por este motivo, compartiron o galardón concedido pola entidade pizarrera, repartindo tamén a contía económica asociada ao premio.
Con estes resultados, o IES Martaguisela pecha un curso académico especialmente satisfactorio, no que os éxitos do seu alumnado volven poñer de manifesto o elevado nivel formativo do centro e o compromiso dunha comunidade educativa que continúa apostando pola excelencia.

