sábado. 31.05.2025

«O importante é que se está facendo, botou moito tempo criando po nun caixón»

Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia, visitou neste 11 de xuño as obras da circunvalación do Barco de Valdeorras. Estivo acompañado polo alcalde, Alfredo García, e o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos
somoscomarca_240611_circunvalacion_delegadogoberno16
De esquerda a dereita: Alfredo García, alcalde do Barco; Eladio Santos, subdelegado do Goberno en Ourense; Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia; Álvaro Rodríguez, xefe de estradas de Ourense

A coñecida como circunvalación do Barco, a conexión entre a N-120 e a N-536 de 5,7 quilómetros de lonxitude, recibía na xornada deste 11 de xuño a visita de Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia. Xunto a el atopábase Alfredo García, alcalde do municipio, e o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, na que é a súa primeira visita oficial. 

Esta nova vía de alta capacidade inclúe a construción de seis viadutos —destaca o do Sil, de 405 metros, e o do río Cigüeño de 258 metros—, un túnel de 490 metros de lonxitude baixo o monte do Serro, tres pasos superiores e un inferior.

O alcalde do municipio, Alfredo García, asegurou que as obras víronse atrasadas «porque hemos pasado un invierno duro. Ha habido momentos en los que las obras se han tenido que parar y enseguida surgen las dudas». Ao túnel, como explicaba o director da obra, quédanlle 25 metros para a súa finalización, de feito «se puede ver que hay obreros y máquinas». 

somoscomarca_240611_circunvalacion_delegadogoberno19

Pola súa banda, o delegado non se aventura a pór unha data á finalización das obras por mor dos posibles problemas xeolóxicos que se poden atopar. «Neste país non me atrevo a dicir un prazo, porque podemos atoparnos con inconvenientes», explicou Pedro Blanco. Subliñou que o importante «é que se estea facendo, porque botou moito tempo criando po en caixóns».

Esta infraestrutura, realizada polo Ministerio de Transportes, está tendo unha inversión de máis de 62 millóns de euros. Por ese motivo, o delegado asegura que con esta actuación «o Goberno está a dar resposta a unha demanda histórica; un Goberno que cumpre cos veciños do Barco, con Ourense e con Galicia e que está a poñer todo o empeño para que esta infraestrutura sexa pronto unha realidade, a pesar da súa complexidade». 

somoscomarca_240611_circunvalacion_delegadogoberno18

Actualmente, os traballos céntranse na execución da infraestrutura que salva a entrada das tubaxes da central hidroeléctrica de Sobradelo; na escavación do arranque do túnel do Serro e na construción dos viadutos do Sil e o río Cigüeño. 

«Esta variante, unha vez rematada, está chamada a mellorar a vida dos veciños do Barco e de toda a comarca de Valdeorras, aforrando tempo e mellorando a seguridade nos desprazamentos e, ao mesmo tempo, afastando o tráfico do centro da vila», lembrou o delegado. A maiores, aproveitou a visita para repasar co alcalde algúns dos investimentos do Goberno na localidade en materia de eficiencia enerxética, recuperación do patrimonio ou humanización das contornas urbanas.

somoscomarca_240611_circunvalacion_delegadogoberno17

O delegado aproveitou a visita para salientar os máis de 25 millóns de euros que inviste o Goberno en conservación de estradas na provincia de Ourense, como a N-120 ou a A-52, aos que se lles sumou un novo contrato de 8,5 millóns de euros para todo o Estado que inclúe actuacións preventivas en viadutos destas mesmas vías. 

«O importante é que se está facendo, botou moito tempo criando po nun caixón»